Collages de Outono

    

O Equipo de Dinamización de Lingua Galega, con motivo da celebración da entrada do Outono, acordou pedir a colaboración das familias para facer un "collage" de Outono en cada titoría. Para elo pediuse a achega dunha imaxe representativa do Outono, Magosto ou Samaín. Os titores recopilaron as imaxes e con todo o material aportado os alumnos e alumnas e elaboraron os seguintes collages:

Proxecto ELISA: Estudo Lonxitudinal para unha Infancia Saudable

 

ELISA É UN ESTUDO LONXITUDINAL, PERO…QUÉ É ISO DUN ESTUDO LONXITUDINAL?

Un estudo lonxitudinal é un estudo que investiga a un mesmo grupo de xente de forma repetida ao longo do tempo (é dicir, hai varios momentos de avaliación ou recollida de datos). Polo tanto, ELISA vai estudar aos mesmos nenos/as durante varios anos.

Así, este ano ELISA vai empezar estudando ao grupo de nenos/as de entre 3 e 5 anos. O vindeiro curso, farase unha nova recollida de datos (seguimento 1) cando estes rapaces teñan de 4 a 6 anos. E por último, no seguinte curso, cando eses nenos/as teñan de 5 a 7 anos, farase outra avaliación (seguimento 2). Se esta primeira fase sae ben, o esperable é que o estudo teña maior continuidade ao longo dos anos.

 

 

POR QUE É IMPORTANTE UN ESTUDO LONXITUDINAL?

Cubrir varios cuestionarios e recoller información ao longo do tempo permítenos ver a evolución e o crecemento dos nenos/as e, polo tanto, axúdanos a ver o que inflúe de forma positiva ou de forma negativa na súa adaptación psicolóxica e social.

Podedes saber máis do proxecto no propio centro e nos seguintes enderezos:

http://www.usc.es/gl/investigacion/grupos/udipre/ELISA.html

 

https://www.facebook.com/proxectoELISA

 

Esperamos que esta información vos axude a acercarvos máis ao ELISA. Necesitamos da vosa participación, as melloras na calidade da educación fanse entre todos!

 

CELEBRACIÓN DE CUMPLEANOS EN EDUCACIÓN PRIMARIA

Estimadas nais, pais, familias,

Tal e como se vos adiantou nas reunións de outubro, estábamos pendentes de adoptar un acordo en canto á celebración de aniversarios nas aulas de educación primaria. Nestes días chegamos a unha decisión:

Aínda que non se pode considerar competencia nosa nin estamos obrigados, non nos opoñemos a celebrar os aniversarios na aula, entendendo por celebrar: felicitar, facer protagonista ao alumno ou alumna nese día especial permitíndolle que elixa unha actividade para facer conxuntamente na aula (lectura dun libro, cantar, propoñer un xogo para o recreo,…), facilitar que se lle prepare por parte dos compañeiros e compañeiras un recordo, felicitación colectiva, etc. poñendo en valor a súa autoestima e o sentimento de pertenza a un grupo.

Non se admiten lamberetadas [i](pasteis, galletas, bombóns, caramelos, etc).

 

As razóns nas que nos baseamos para adoptar este acordo e  que queremos  compartir con vós son fundamentalmente as seguintes:

  • De saúde:  O incremento de alerxias e intolerancias entre o alumnado.
  • Curriculares: A escola e transmisora de valores e hábitos, entre eles os hábitos saudables e os valores de non consumismo.
  • De respecto ás familias, ao alumnado  e a función equilibradora e compensatoria da escola: Ás veces, de xeito non intencionado, e con algo tan aparentemente inocuo como a celebración dun aniversario, suscítase a competitivade e/ou marxínase a quen non participa destas celebracións;  outras, nin se ten en conta que, nalgúns casos, vai  en contra dos modelos de crianza adoptados e asumidos polas familias.

 

 

Esperamos que entendades e respectedes a nosa decisión.

 

 

Atentamente.

 

Mª Isabel Abelleira Bardanca

Directora

 

 




[i]

Lamberetada: Alimento, xeralmente doce, de sabor agradable que se toma máis por gusto ca polo valor alimenticio.

ELECCIÓNS AO CONSELLO ESCOLAR

     O próximo día 28 de novembro, en horario de 9:05 a 14:05 horas, e de 16:30 a 17:30 horas celebrarase neste Centro a votación para a elección de representantes dos pais, nais ou titores legais do alumnado no Consello Escolar do Colexio. Para participar na referida votación, tal como se sinalaba na citada Convocatoria, procederase da seguinte forma:

                1º.- Quen pode votar.

                Teñen dereito a votar todos  os pais, nais ou titores legais do alumnado matriculado no Centro que figure no Censo que ao efecto aprobou a Xunta Electoral e tras a súa exposición pública regulamentaria. Tal dereito corresponde indistintamente ao pai e á nai, podendo votar ambos os dous.

                2º.- Modo de emitir o voto.

                a) O voto será directo, secreto e non delegable.

b) Os modelos de papeletas e sobres da votación serán, obrigatoriamente, os previamente fixados pola Xunta Electoral do Centro, dos que haberá cantidade suficiente no local da votación (Sala de profesorado da planta baixa, ao lado de conserxería).

                c) Nas referidas papeletas figurarán os nomes dos candidatos, por orde alfabético de apelidos, e cada elector deberá marcar cunha cruz un máximo de un nome das candidatas relacionadas, debendo acreditar a súa personalidade, no momento de votar, mediante a exhibición do D.N.I. ou documento similar.

                d) Finalizada a votación procederase ao acto do escrutinio dos votos, que será público e, unha vez realizado, levantarase a correspondente acta.

 

                A dirección deste Colexio anima a todos os pais, nais e titores legais do alumnado a que participen na votación do próximo luns 28, como unha forma máis de colaboración na organización do Centro, a fin de conseguir a máxima representatividade posible de pais e nais no Consello Escolar.

 

Un espectáculo de maxia

   O luns todos os alumnos do Centro asistiron a un espectáculo de maxia, os máis pequenos de 3 anos e 4 no edificio de infantil, e os maiores na Biblioteca repartidos en varias sesións ao longo da mañán. 

Podedes ver MÁIS PREMENDO  AQUÍ  +

 

Novo blog en 3ºB

   Hoxe presentámosvos un novo blog no colexio: o de 3ºB de educación primaria. Unha nova canle de comunicación e un novo espazo para compartir experiencias e actividades. A partir de agora estará enlazado desde a barra lateral dereita desta web.

A xubilación de Carmen

O pasado venres xubilouse Carmen, que levaba moitos anos formando parte do persoal de limpeza do Centro e ultimamente  exercendo ademáis funcións de Conserxe no Edificio de Infantil. Desde o Ceip A Maía queremos agradecerlle que sempre levase a cabo a súa labor cunha sonrisa na cara, botando unha man nas entradas con moita paciencia e cariño cara os máis pequenos do colexio, sobre todo cos que aínda botaban unha choradiña ao entrar, colaborando cos profes en todo canto se lle pedía, atendendo e descifrando os recados dos pequenos encargados de cada clase (“Carmen por favor, fainos 5 ou 20 ou 25 fotocopias... “Carmen… espera… que tiña un recado, pero non sei como era”). Tamén se fixo toda unha experta pelexando coa fotocopiadora ata coñecerlle as tripas mellor que o propio técnico. Colaborou ademáis traendo algúns materiais como millos de cores, ramas de ouveiras para ambientar o centro… as plantas da leira de millo que temos na entrada son cousa súa. E así multitude de pequenos detalles…

Agora, despois de toda unha vida de traballo, tócalle descansar e disfrutar cos seus dunha xubilación ben merecida.

Gracias Carmen!.

Botarémoste de menos!

Outono/Samaín no Colexio A Maía

    Dende finais de outubro, empezamos a  pensar no outono,  que este ano non da chegado polo sol que nos acompaña…Pero como a natureza cumpre seus ciclos… aquí estamos nos, un ano máis.

   O departamento de Actividades Extraescolares propuxo facer unha mostra con cabazas e productos do outono. Desde aquí o noso agradecemento a todos por colaborar de xeito tan entusiasta!

  VER  TODOS OS TRABALLOS DE INFANTIL E PRIMARIA  AQUÍ +

ELECCIÓNS AO CONSELLO ESCOLAR

ELECCIÓNS DOS REPRESENTANTES DE NAIS, PAIS E TITORES LEGAIS AO CONSELLO ESCOLAR

                                                                                  

 

                                                                  CONVOCATORIA

 

            De acordo coa RESOLUCIÓN do 26 de setembro de 2016, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se establece o calendario para a celebración de eleccións de membros dos consellos escolares de centros docentes sostidos con fondos públicos (DOG do 1 de outubro), aXUNTA ELECTORAL deste Centro, en virtude das atribucións que lle son conferidas pola lexislación vixente, dispón a convocatoria de eleccións ao Consello Escolar, SECTOR DE PAIS E NAIS DE ALUMNOS, segundo as seguintes normas:

 

 

            1. De acordo co disposto no artigo 41 do Decreto 374/1996, do 17 de outubro (DOG do 21), redactado conforme ao establecido na disposición adicional terceira.1 do Decreto 7/1999, do 7 de xaneiro (DOG do 26), corresponde elixir no presente proceso electoral a dous pais/nais, dun total de cinco que debe ter o Consello Escolar, o outro pai será o representante da Anpa. Os outros dous representantes de pais continúan como consecuencia da súa elección anterior no ano 2016.

 

            2.- Son electores todos os pais e nais ou, se é o caso, os titores legais do alumnado matriculado no Centro e incluídos no Censo correspondente que a partir do día da data está exposto no taboleiro de anuncios. As reclamacións ao referido Censo realizaranse mediante escrito razoado dirixido á Xunta Electoral, ata as 14´00 horas do día 14 de novembro.

 

            3.- Son elixibles os pais e nais ou, se é o caso, os titores legais, que formulen a súa candidatura oficial segundo o modelo que se facilitará na Secretaría do Colexio. As candidaturas poderán ser presentadas ata as 14'00 horas do día 11 de novembro.

 

            4.- O sorteo dos membros da mesa electoral realizarase en acto público, entre os pais que non se presenten como candidatos, o día 14 de novembro, ás 12:05  horas. Dita mesa electoral estará composta polo Director do Centro, que actuará como Presidente, e catro pais/nais ou titores legais, actuando de secretario o de menor idade.

 

            5.- A campaña electoral comprenderá dende o 15 ao 25 de novembro, ambos días inclusive. As dependencias e servizos do Centro estarán a disposición dos candidatos, previa petición ao presidente da Xunta Electoral, sempre que o seu uso non altere o normal funcionamento educativo do Colexio.

 

            6.- Poderán actuar como supervisores da votación os pais ou titores legais dos alumnos matriculados no Centro que sexan propostos pola ANPA ou, no seu defecto, que estean avalados cando menos pola firma de 10 electores.

 

            7.- As votacións realizaranse neste Colexio Público o día 28 de novembro, de 9:05 a 14'05 horas e de 16:00 a 18:00 horas. A mesa electoral será constituída o mesmo día, en acto público, ás 8:55 horas.

 

            8.- Na papeleta de votación cada elector fará constar un máximo de un nome dos candidatos presentados, debendo acreditar a súa identidade á hora de votar, mediante exhibición do D.N.I. ou documento similar. O voto será directo, secreto e non delegable e non se admitirá o voto por correo.

 

            9.- Teñen dereito ao voto o pai e a nai ou, se é o caso, o titor legal dos alumnos.

 

            10.- Finalizada a votación procederase ao escrutinio dos votos, que será público, e unha vez realizado, levantarase acta para ao seu envío a Xunta Electoral do Centro.

 

            11.- A Xunta Electoral do Centro resolverá as dúbidas e reclamacións que se poidan formular.

 

Bertamiráns,  4  de novembro de 2016

A PRESIDENTA DA XUNTA ELECTORAL,

 

Asdo.: Mª Isabel Abelleira Bardanca

 

Hospital de osiños en infantil

  O Hospital de osiños ou Teddy Bear Hospital (TBH) é un proxecto a nivel mundial orientado a nenos/as de infantil con alumnos/as de medicina da Universidade de Santiago no que os pequenos se convirten en doutores do seu osiño (ou peluche). Con esta visita, xestionada coa colaboración da Anpa, os nenos familiarízanse cos aparellos de radioloxía, a sala de curas e o quirófano, todo adaptado para curar os seus peluches. Ademais, foméntanse coñecementos médicos básicos, alimentación equilibrada, hixiene dental, inculcando o concepto de vida saudable....

LER MÁIS  + sobre esta visita  no blog de 6ºC  Infantil

LER MÁIS  + sobre esta visita  no blog de 6ºA Infantil

 

 

 

 

 

Distribuir contido