A Consellería de Cultura e Educación comeza as obras de reposición do actual patio no verinés CEIP Amaro Refojo
As obras suporán un investimento de máis de 40.000 euros grazas ao que os nenos e nenas do CEIP Amaro Refojo de Verín contarán o vindeiro curso cun renovado espazo de recreo
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de comezar as obras de mellora do patio do CEIP Amaro Refojo (Verín), actuación na que se invisten máis de 40.000 euros. O proxecto aborda a reposición da pavimentación dos case 900 metros cadrados cos que conta o centro como espazo para o lecer e actividades complementarias, co fin de que o alumnado conte o vindeiro curso cun novo patio de xogos.
Picarase e levantarase o pavimento actual, executando un novo pavimento consistente en sollado de formigón armado con mallazo e acabado de cor vermella, que finalmente será debidamente marcado e acondicionado con pintura epoxídica con dous completos campos de xogos.
As melloras que se están a realizar no centro veñen a subliñar o compromiso deste departamento coa atención ás necesidades educativas da zona, un firme compromiso que se mantén malia aos actuais tempos de crise económica.