A Consellería de Educación forma a máis de 600 Xefes dos Departamentos de Orientación nun encontro celebrado en Santiago

O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, José Luis Mira, inaugurou a xornada

Lun, 24/05/2010 - 13:45

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria está a organizar a I Xornada de Formación dos Xefes e as Xefas dos Departamentos de Orientación do sistema educativo galego, nas que máis de 600 destes profesionais poderán afondar nos principais aspectos desta tarefa fundamental nas escolas e institutos.

O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, José Luis Mira; inaugurou este encontro, que se celebra ao longo do día de hoxe en Santiago de Compostela. Durante a súa intervención, José Luis Mira aproveitou para agradecer aos orientadores o importante traballo diario que desenvolven a prol da convivencia dos centros escolares e do benestar da comunidade educativa.

O director xeral de Educación lembrou ademais que Galicia foi a primeira comunidade autónoma en regular a orientación educativa e profesional, integrando estes servizos nos propios centros escolares. Ademais, a Consellería de Educación conta cos Equipos de Orientación Específico (EOEs)- un por cada provincia-, que funcionan como servizo de orientación externo aos centros educativos. Este servizo ten unha composición profesional que pretende dar resposta ás necesidades de intervención externa ligadas a aspectos psicopedagóxicos específicos e a cuestións sociais ou mesmo familiares que teñen incidencia no ámbito educativo.

Relatores de prestixio

Ao longo do día de hoxe, os xefes e xefas destes departamentos terán a posibilidade de escoitar conferencias de relatores de prestixio no eido da orientación. Así, a xornada comezará co relatorio “O diagnóstico e a atención do alumnado con discapacidade visual”, do que será responsable a pedagoga do centro de recursos educativos da ONCE en Pontevedra, Pilar Carballo Lado. Esta charla servirá para aproximar aos participantes á tarefa de atención educativa que realiza a ONCE, describindo a heteroxeneidade da poboación con discapacidade visual e das súas necesidade, así como as técnicas e recursos dispoñibles para a intervención dos orientadores nestes casos.

Posteriormente, o coordinador e especialista en trastornos xeneralizados do desenvolvemento do EOE de Ourense, Manuel Ojea Rúa, abordará a síndrome de Asperger, co fin de facilitar a súa identificación e tratamento educativo, contando coa colaboración da familia e os servizos sociocomunitarios.

Xa pola tarde, o especialista en discapacidades sensoriais do EOE da Coruña, Serafín Gala Merino; e a mestra de Audición e Linguaxe Fátima María García Doval, explicarán aos asistentes as formas de detección precoz e atención ás necesidades do alumnado con discapacidade auditiva, presentando os recursos máis actuais e menos coñecidos para desenvolver este tipo de intervención educativa. Ademais, Gala Merino afondará na necesidade de facilitar a incorporación ao ámbito laboral das persoas con deficiencia auditiva.

No último relatorio da xornada, o asesor de orientación educativa da Consellería de Educación Manuel Rey Fernández presentou aos asistentes os instrumentos nos que se está a traballar para a recollida de datos relacionados co servizo de orientación, tanto a nivel interno dos centros educativos, como externo, nos EOEs.

Finalmente, o subdirector xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación do Profesorado, José Graña Carrodeguas; e o xefe de servizo de Ordenación, Innovación e Orientación Educativa, Gonzalo Sanmartín; clausuraron o encontro.

Con esta actividade formativa a Consellería de Educación presta de novo o seu apoio firme e decidido á atención á diversidade no alumnado, un labor que debe ser desenvolvido desde a Administración educativa en cooperación cos centros escolares, as familias e o conxunto da sociedade.