Cultura e Educación estenderá a todo o ano as actividades formativas en linguas estranxeiras para o alumnado

A Consellería desestacionalizará o modelo de actuacións para a mellora das competencias en idiomas, actualmente concentradas no verán, e ampliarao a todo o curso escolar

Hoxe publícase no DOG a convocatoria de 705 prazas para estadías formativas entre xuño e agosto

A Consellería fai con estas actividades un importante esforzo a prol da aprendizaxe de idiomas, malia á crise económica e a que outras Comunidades non están a convocar estas axudas

Ven, 22/03/2013 - 12:35
Cultura e Educación estenderá a todo o ano as actividades formativas en linguas
Cultura e Educación estenderá a todo o ano as actividades formativas en linguas estranxeiras para o alumnado

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria estenderá a todo o ano as actividades formativas en linguas estranxeiras dirixidas ao alumnado, desestacionalizando un modelo de actuacións que están actualmente concentradas nos meses de verán. Para iso, ademais das estadías que se realizan entre xuño e agosto, a Consellería está a elaborar unha programación para que o alumnado de 6º de primaria, ESO e 1º de bacharelato melloren as súas competencias lingüísticas en actividades de contido didáctico cunha duración de entre 2 e 5 días ao longo do curso escolar, para as que está prevista unha convocatoria de arredor de 2.000 prazas para o curso 2013/2014.

Ademais, o departamento educativo da Xunta de Galicia fai de novo este ano un importante esforzo a prol da aprendizaxe de idiomas coa convocatoria de 705 prazas para que o alumnado mellore as súas competencias en linguas estranxeiras en estadías lingüísticas. Así, e malia que noutras Comunidades Autónomas este ano non se convocan estas actividades, o alumnado galego de bacharelato e FP poderá optar a bolsas para realizar estadías formativas en Canadá, Reino unido e Francia; mentres que os estudantes da ESO participarán en ‘vilas inglesas’ en Galicia.

Ambas as accións, as de verán e as que se desenvolverán ao longo do curso escolar, conformarán xa a partires deste mes de xuño un completo programa de actividades formativas para que o alumnado galego mellore as súas competencias en linguas estranxeiras durante todo o ano. Este novo modelo enmárcase no Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras e suporá só neste ano 2013 un investimento de preto de 1,6 millóns de euros por parte da Consellería.

Estadías no verán

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria de estadías lingüísticas de verán, cuxo prazo de solicitude estará aberto do 23 de marzo ao 22 de abril –ambos os días incluídos-, con axudas a través das que a Consellería sufragará entre o 85 e o 40% do custo das estadías que realicen as alumnas e alumnos beneficiarios.

En total haberá 705 prazas, das que 240 irán dirixidas a que as alumnas e os alumnos de 1º e 2º de Bacharelato e Formación Profesional melloren as súas competencias en inglés en estadías de 3 semanas en Canadá ou no Reino Unido, aloxándose nos fogares de familias do lugar, entre o remate do curso escolar e finais do mes de agosto. Ademais, neste caso só para o bacharelato, convócanse 25 prazas para estadías en Francia, co fin de mellorar as competencias na lingua gala, tamén para dúas semanas no mesmo réxime de aloxamento familiar ou en residencias.

No caso dosestudantes de 1º, 2º, 3º, e 4º da ESO, poderán optar a participar en actividades nas denominadas ‘vilas inglesas’, que se desenvolverán en Galicia durante 2 semanas do mes de xullo, con profesores nativos, para as que se convocan un total de 440 prazas.

Solicitudes

Os interesados poderán realizar a súa solicitude a través da dirección web http://www.edu.xunta.gal/axudasle, onde tamén se farán públicas as listaxes cos nomes dos alumnos e alumnas que se beneficiarán das achegas, ou a través da sede electrónica da Xunta, no enlace web https://sede.xunta.es .

Para obter as bolsas os candidatos e as candidatas terán que ter unha nota mínima na área de lingua estranxeira de Ben ou 6 no curso 2011/2012, así como ter superadas todas as materias neses mesmo ano académico. Os criterios para o baremo, puntuación e determinación das achegas familiares serán a nota medida do expediente académico no curso 2011/2012, e a renda per cápita da unidade familiar. Ademais terase en conta o feito de pertencer a unha familia numerosa, cun membro cunha discapacidade superior ao 33%, e o feito de non ter sido beneficiario dunha axuda destas características o verán pasado.

Contacto idiomático

O propósito desta iniciativa de estadías lingüísticas de verán non é só que os asistentes aprendan un idioma estranxeiro, senón que este idioma o poñan en práctica durante todo o día nas diversas actividades que está previsto que se realicen, nas que se inclúen competicións deportivas, xogos, obradoiros, excursións ou veladas nocturnas. Todo isto permitirá darlle unha formación lingüística, social, cultural e ambiental ao alumnado.

Nos cursos que se celebrarán no estranxeiro, o obxectivo é que os asistentes teñan un verdadeiro contacto idiomático, polo que os estudantes asistirán a clases con alumnos de diversas nacionalidades, de modo que practiquen o idioma e que convivan con diferentes culturas.

Ao igual que acontece nas actividades en Galicia, desde a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria preséntase un programa que lle permite ao alumnado formarse lingüisticamente e tamén como persoas. Deste xeito, os seleccionados para os cursos vivirán con familias ou en residencias e todos terán a oportunidade de desenvolver actividades como excursións, veladas lúdicas, actividades deportivas, xogos ou obradoiros temáticos.