Xesús Vázquez Abad preside no Gaiás a celebración do Día Mundial da Síndrome de Down

O conselleiro a sinalou a importancia de atender desde o eido educativo “a diversidade e a súa inclusión”

Desde o ano 2010 a Consellería de Cultura e Educación vén colaborando con Down Galicia na atención educativa a este alumnado

Xov, 21/03/2013 - 19:16
Xesús Vázquez Abad preside no Gaiás a celebración do Día Mundial da Síndrome de
Xesús Vázquez Abad preside no Gaiás a celebración do Día Mundial da Síndrome de Down

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou hoxe na Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura na celebración do Día Mundial da Síndrome de Down. Este acto no que se pretende pór de manifesto a necesidade de establecer as medidas precisas para garantir a igualdade real de oportunidade das persoas con capacidades diferentes e a súa inclusión plena na nosa comunidade. A declaración do Día Mundial da Síndrome de Down contribúe a aumentar entre a opinión pública a súa comprensión e concienciación.

Neste sentido, o conselleiro expuxo a necesidade“dun sistema educativo flexible, que  se axeite á diversidade de aptitudes, intereses, expectativas e necesidades do alumnado.” Así mesmo,destacou que paraque todas as persoas acaden o máximo desenvol­vemento persoal e social, é preciso que se lles facilite “unha educación adaptada ás súas singularidades, e que se lles garanta unha igualdade efectiva de oportunidades.”

Vázquez Abad anunciou que neste momento estase a traballar nun borrador da orde que desenvolverá o Decreto 229/2011 polo que se regula a atención á diversidade do alumnado na Comunidade Autónoma de Galicia, unha normativa –lembrou o conselleiro–pioneira no conxunto do estado.

Pola súa banda, o presidente de Down Galicia comentou que “este ano quixemos dedicar este día a unha área sumamente importante na vida de calquera persoa, como é a educación.”

O acto, na Biblioteca da Cidade da Cultura, comezou coa lectura do Manifesto pola autonomía persoal, por parte de dúas persoas coa síndrome de Down, Jaime Vázquez e Cristina Villar. Posteriormente realizouse un maratón de lectura no que participaron máis de 20 persoas con síndrome de Down, así como escritores e responsables políticos.

Ao acto asistiron ademais o Valedor do Pobo, José Julio Fernández Rodríguez;o escritor e membro da RAG, Xosé Neira Vilas; a poetisa Rosalía Morlán;e o presidente de Down Galicia, Delmiro Prieto, entre outros.

Cara a unha escola inclusiva

A Consellería de Cultura e Educación e Down Galicia teñen subscrito desde novembro de 2010 un acordo de colaboración. Froito deste acordo, durante o último curso rematado, téñense realizado accións en 86 centros educativos nos que un total de 109 alumnos se beneficiaron da axuda do persoal de Down Galicia. Concretamente, 86 estudantes contan cunhaadaptación curricular, 102 tiveron o apoio do profesorado de pedagoxía terapéutica e 75 contaron coa atención do profesorado de audición e linguaxe. Así mesmo, realizáronse 314 visitas ou contactos do persoal de Down Galicia cos centros educativos. Respecto do acordo o conselleiro destacou que, segundo a comisión mixta encargada de velar polo seu bo desenvolvemento, “está a cumprirse de xeito satisfactorio.”