A Xunta de Galicia achega a actividade emprendedora ao alumnado galego como vía para a busca de novas oportunidades

A iniciativa enmárcase na liña ‘Actúa’ do Plan Eduemprende, que desenvolven en colaboración as consellerías de Cultura e Educación e de Economía e Industria

O director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa e o director do IGAPE asistiron hoxe á primeira das conferencias, no CIFP Compostela

Xov, 14/02/2013 - 10:32
O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa e o
O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa e o director do IGAPE abriron o ciclo A actividade emprendedora como chave para o teu futuro, enmarcado no Plan de Emprendemento no Sistema Educativo de Galicia, Eduemprende

As consellerías de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria  e de Economía e Industria achegan, desde hoxe e ata o vindeiro 20 de marzo, a actividade emprendedora ás alumnas e alumnos de centros de ensino das catro provincias galegas a través da conferencia ‘A actividade emprendedora como chave para o teu futuro’. Á primeira das sesións, celebrada hoxe no CIFP Compostela, asistiron o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; e o director do IGAPE, Javier Aguilera.

A iniciativa, que percorrerá 32 centros de ensino de toda Galicia, vai dirixida ao alumnado de segundo curso dos ciclos formativos de grao medio e superior e de bacharelato, en concreto a aqueles que curse a materia de economía e que están a  desenvolver proxectos de empresa nalgunha materia dos seus currículos. Está previsto que nesta actividade participen arredor de 5.180 alumnas e alumnos.

Asesoramento e experiencia persoal

O obxectivo desta actuación, que se enmarca na liña ‘Actúa’ do Plan Eduemprende, é que os estudantes poñan en valor o seu talento emprendedor como vía para a busca de novas oportunidades profesionais e laborais. Para iso, na conferencia cóntase coa presenza activa de persoal técnico do IGAPE, que lles dá a coñecer ás alumnas e alumnos as entidades que poden orientalos e axudalos á hora de poñer en marcha os seus propios proxectos. Así mesmo, na actividade participa unha persoa emprendedora que transmite a súa experiencia persoal, o que contribúe a actualizar os concepto de empresario que te o alumnado.

A iniciativa enmárcase no Plan Eduemprende, desenvolvido en colaboración por ambas as consellerías co fin de promover o espírito emprendedor entre o alumnado galego. Para iso desenvólvense actuacións desde as idades máis temperás, fomentando neles a creatividade, a iniciativa, a responsabilidade, a capacidade de afrontar riscos e a autonomía persoal.