O conselleiro de Cultura e Educación en funcións aposta pola biblioteca escolar como un espazo de creación e innovación

Vázquez Abad avogou por consolidar as competencias lectoras entre o alumnado na inauguración das IV Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia, baixo o lema ‘Ler para ver’

Este encontro reúne a 1.100 profesores de toda a Comunidade Autónoma, e foi un éxito de convocatoria, con máis de 1.400 recibidas na Consellería

Ven, 09/11/2012 - 18:21
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en funcións, Xesú
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en funcións, Xesús Vázquez Abad, inaugurou hoxe no Pazo de Congresos de Santiago as IV Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia ‘Ler para ver’

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en funcións, Xesús Vázquez Abad,  inaugurou hoxe no Pazo de Congresos de Santiago as IV Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia ‘Ler para ver’, onde apostou pola biblioteca escolar como “un espazo de creación e pensamento crítico, de encontro e de cohesión social, de unión entre a innovación tecnolóxica e a pedagóxica”. Neste marco, e diante de 1.100 profesores de toda Galicia – o encontro foi un éxito, xa que máis de 1.400 profesores solicitaron asistir-, o titular en funcións do departamento educativo da Xunta de Galicia recordou as conclusións derivadas do congreso Bibliotecas Escolares en Tránsito - celebrado o ano pasado en Santiago- , nas que quedaron patentes tanto o importante papel das bibliotecas e dos docentes que traballan con elas, como as áreas nas que é preciso mellorar o seu uso.

Para iso, Vázquez Abad avogou por consolidar as competencias lectoras. “Seguindo esa estela,- explicou-  as xornadas deste ano céntranse na alfabetización mediática e informacional, requisito previo imprescindible para o desenvolvemento sustentable de sociedades do coñecemento abertas, participativas e  inclusivas e das institucións, comunidades e individuos que as integran”. “Unha combinación de coñecementos, competencias e prácticas precisas para acceder e comunicar coñecementos de xeito creativo e ético, respectando os dereitos humanos”, salientou.

Docentes, o motor da biblioteca

Ademais, o conselleiro en funcións agradeceu o traballo dos docentes para converter progresivamente as bibliotecas escolares “en lugares centrais da vida de cada comunidade educativa”. “Vostedes - dixo- son, en definitiva, o seu motor, esforzados docentes que veneran o coñecemento e a súa transmisión, amantes dos libros, que desexan que os seus alumnos se convertan en lectores competentes, en usuarios eficientes e críticos das distintas fontes de información das que na actualidade poden dispoñer”.

Neste sentido, Vázquez Abad animounos a seguir traballando para espertar o gusto polo coñecemento entre o alumnado, así como a integración dos novos recursos e ferramentas na práctica educativa. Neste acto Vázquez Abad estivo acompañado polo director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jose Manuel Pinal Rodríguez; e polo director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria reúne a 1.100 persoas na que é a cita anual do colectivo de profesores e profesoras comprometidos coa biblioteca escolar e a lectura nos centros públicos galegos. Logo da paréntese de 2011 (ocasionada pola celebración, nas datas acostumadas, do que fora o congreso Bibliotecas Escolares en Tránsito, con carácter estatal), reanúdase esta actividade que se desenvolve en Compostela.

O obxectivo deste encontro é que os asistentes poidan mellorar a súa formación en todo o relacionado coa lectura na actual sociedade da información, así como as estratexias necesarias para unha axeitada educación neste terreo, especialmente no que atinxe a uso da biblioteca como espazo para a información, a lectura e a aprendizaxe de forma transversal en todas as materias impartidas en colexios e institutos.

Lectura, medios e Internet

O lema destas xornadas, ‘Ler para ver’, recolle a necesidade de educar para unha lectura comprensiva e crítica dos medios de comunicación, dos medios polos que se transmite información na sociedade actual, máis aló de soportes ou xéneros discursivos.

Para afondar neste tema, desenvolveranse conferencias plenarias nas que Fabio Tropea e Tíscar Lara abordarán a lectura crítica na era de Internet; e as relacións entre os medios de comunicación, a aprendizaxe dixital e as bibliotecas escolares. Pola súa parte, Luis González impartirá a conferencia final Lectura no século XXI e biblioteca escolar.

O programa destas xornadas complétase con mesas de experiencias, coa participación de expertos en distintos medios, relacionándoos coa educación (prensa, radio, cómic, videoxogos, arte, audiovisuais, vídeo, cine, animación....) e responsables de bibliotecas escolares con boas prácticas nestes ámbitos.

A Consellería facilitará o seguimento das xornadas a todos os interesados, a través da retransmisión en streaming das sesións, que poderán seguirse desde o Portal educativo da Consellería, nas páxinas web do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) www.edu.xunta.gal/centros/cafi   e na de Bibliotecas Escolares http://www.edu.xunta.gal/biblioteca/blog/ .