O director xeral de Educación recibe a nove orientadores que visitan Galicia no marco do Programa Academia

Jose Luis Mira Lema destacou a importancia do intercambio de experiencias de asesoramento entre os distintos países europeos

Lun, 22/03/2010 - 11:00
Jose Luis Mira Lema cos nove orientadores europeos
Jose Luis Mira Lema cos nove orientadores europeos

O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Jose Luis Mira Lema, recibiu esta mañá a 9 orientadores de Francia, Noruega, Eslovenia e Dinamarca; que visitan Galicia esta semana, no marco do programa europeo de mobilidade Academia. O obxectivo desta expedición é coñecer os principais servizos de orientación ofrecidos pola Consellería de Educación para axudar aos mozos e mozas no período de transición do sistema educativo ao mundo laboral.

Jose Luis Mira deu as grazas a estes profesionais por ter escollido a nosa Comunidade como exemplo das boas prácticas nos servizos de orientación profesional, “un dos obxectivos prioritarios da Consellería de Educación e da Unión Europea”.

Non en balde, explicou o director xeral de Educación, ea Consellería conta con servizos de orientación en máis de 600 centros educativos, así como equipos de orientación específicos de ámbito provincial”. Este traballo esténdese, engadiu, “ás institucións universitarias, ás oficinas de orientación financiadas pola Administración Laboral ou pola Administración Local, e ao Instituto Galego das Cualificacións Profesionais”. Deste xeito, “integramos os recursos existentes, facendo accesible ao público o seu potencial orientador, aproveitando a súa interconexión”, destacou Jose Luis Mira.

Este compromiso da Consellería co asesoramento da mocidade entronca, explicou o director xeral, co espírito do programa Academia, de “ofrecer a todos os europeos a posibilidade de adquirir a cualificación e competencia que necesiten para se integrar completamente na sociedade e contribuír á mellora profesional mediante a aprendizaxe permanente”. “Neste marco - engadiu - os servizos de orientación deben proporcionar aos usuarios información e asesoramento sobre formación e emprego, especialmente en momentos clave da súa traxectoria persoal e profesional, como é o da transición do sistema educativo ao mundo laboral”.

Jose Luis Mira fixo ademais unha mención especial ás posibilidade de recoñecemento e acreditación das competencias profesionais obtidas polas persoas ao longo da súa vida, tanto a través do ensino regulado, como da experiencia laboral e de vías non formais de formación, "temática que cobra cada vez maior transcendencia na nosa sociedade e na que están a colaborar tamén os responsables da orientación”.

Colaboración e intercambio de experiencias

Á vista da importancia da súa tarefa, o director xeral de Educación incidiu na necesidade de que estes profesionais traballen  de forma coordinada, e de que se establezan redes integradas de servizos que ofrezan aos usuarios información e asesoramento unificado, global e accesible. Neste mesmo sentido, Jose Luis Mira apostou por que “o noso sistema integrado de información e orientación camiñe ao unísono con outras Comunidades Autónomas de España, e consonancia coas tendencias europeas neste terreo”.

Con este obxectivo, a Consellería de Educación está a traballar con orientadores de diversas comunidades e, especialmente, co Centro Nacional de Recursos para a Orientación Profesional que, como membro da rede europea Euroguidance, sirve de ponte para unificar criterios entre as diversas iniciativas neste campo que se realizan en todo o Estado e en outros países europeos. Ademais, e facendo explícita referencia ao  Academia, o director xeral gabou a importancia deste programa de mobilidade “no que se ofrece a posibilidade de poñer en común diversas experiencias e boas prácticas que se están a realizar en diferentes países”.

A expedición Academia visita Galicia

Desde hoxe e ata o venres unha expedición de 9 orientadores de 4 países europeos percorrerán varios centros galegos nos que se imparten ensinanzas de formación profesional. Neles poderán analizar en primeira persoa os servizos de información e orientación desenvolvidos na nosa Comunidade para axudar aos mozos e mozas no período de transición do sistema educativo ao mundo laboral.

Ademais, os visitantes coñecerán o funcionamento dos centros integrados de formación profesional en Galicia, terán tamén a oportunidade de ver como traballan os servizos de información e orientación no ámbito universitario, de orientación Laboral, no Servizo Galego de Emprego; e outras do ámbito educativo, nos Equipos de Orientación Específicos.

Para completar a súa estadía, estes profesionais europeos da orientación coñecerán as experiencias de atención á diversidade en centros de educación especial e de atención a persoas con discapacidades; e visitarán o Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA), en Santiago de Compostela.

Aposta pola información e asesoramento

Academia é un proxecto europeo anual de mobilidade, dirixido aos profesionais da Orientación Profesional, principalmente orientadores e profesorado de Formación e Orientación Laboral (FOL); encadrado dentro do Programa Leonardo da Vinci. Está organizado polo Ministerio de Educación, a través do Centro Nacional de Recursos para a Orientación Profesional (CNROP), en colaboración coas Comunidades Autónomas.

Academia constitúe outra das accións a través das que a Consellería de Educación favorece a preparación dos alumnos e alumnas que cursan ciclos formativos para se enfrontar ao mercado de traballo. Grazas a estas iniciativas, os titulados en graos de grao medio e superior de FP acadan altos niveis de empregabilidade, que superan o 80% na maior parte dos casos. Desta forma ademais, a Consellería de Educación pon en valor a imaxe da FP, que supón un auténtico sistema de oportunidades de acceso ao emprego e de mobilidade cara aos estudos universitarios, cuestións fundamentais nestes tempos de crise económica.