O conselleiro de Cultura e Educación salienta a importancia das estadías e os auxiliares de conversa para que o alumnado mellore as súas competencias orais en linguas estranxeiras

Xesús Vázquez Abad visitou hoxe o Centro Residencial Docente da Coruña, onde 410 alumnas e alumnos están a vivir unha estadía lingüística para mellorar o inglés

O conselleiro lembrou que o vindeiro curso terase multiplicado por máis de 6 o número de auxiliares de conversa no sistema educativo galego

Ven, 27/07/2012 - 18:36
Vázquez Abad departiu cos estudantes no Centro Docente da Coruña
Vázquez Abad departiu cos estudantes no Centro Docente da Coruña

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, salientou hoxe a oportunidade que as estadías lingüísticas de verán e o apoio das auxiliares de conversa – na rede de Centros Plurilingües e Seccións Bilingües- supoñen para que o alumnado galego contacte de forma directa con falantes nativos de linguas estranxeiras. “Trátase dunha oportunidade á que galegas e galegos doutras xeracións non tiveron acceso, moi importante para a mellora das competencias orais en linguas estranxeiras, e pola que o actual Goberno galego ten traballado arreo”, destacou.

Neste sentido, e durante a súa visita ao Centro Residencial Docente da Coruña, onde 410 alumnas e alumnos de 6º de primaria e 1º de ESO están a vivir unha estadía lingüística para mellorar o inglés, o conselleiro lembrou que o vindeiro curso o sistema educativo galego terá multiplicado por máis de 6 o número de auxiliares de conversa que prestan o seu apoio en Escolas Oficiais de Idiomas, centros plurilingües e seccións Bilingües.

Así, haberá máis de 400 auxiliares, dos que 350 son asumidos pola comunidade autónoma e 39 procederán de acordos co Ministerio. Ademais, a comunidade disporá de 18 sénior – nativos xubilados que desenvolven o seu labor nos centros plurilingües do rural galego-. Así mesmo, está previsto que se volva contar co profesor de lingua francesa a tempo completo, froito do convenio de colaboración entre a consellería e a Academie de Amiens.

Respecto da estadía, Vázquez Abad explicou que por este CRD pasarán este verán preto de 1200 alumnas e alumnos, de 6º de primaria, 1º e 2º de ESO; que realizan diversas actividades, desde deportivas ata excursións, para a mellora das competencias orais en lingua inglesa.

Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras

Durante a súa visita á Coruña o conselleiro lembrou que o vindeiro curso recibirán un ensino plurilingüe máis de 21.000 alumnas e alumnos da provincia da Coruña, a través dos 65 Centros Plurilingües – 14 de nova incorporación- e 1007 seccións bilingües da provincia – 200 de nova incorporación-; grazas á colaboración dos 514 profesores implicados. Ademais, na provincia coruñesa desenvolveranse cursos de formación complementaria para a aprendizaxe de linguas estranxeiras (CUALE), en 14 centros de ensino. En total, en estes cursos beneficiarán en toda Galicia a máis de 1.280 estudantes.

Por outra banda, e para apoiar a formación e certificación de persoas adultas, alumnos e docentes, a Consellería vén de crear unha nova sección da Escola Oficial de Idiomas de Ferrol en As Pontes, que ofertará 90 prazas en ensinanzas regradas de inglés.

Neste sentido destacou o éxito do Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras, que ten superado amplamente as expectativas iniciais. Así, en total, a rede de centros plurilingües de Galicia chegará a 148 colexios e institutos da comunidade, e a de seccións bilingües comprenderá un total de 2.362 seccións en 649 centros educativos, dos que 499 son seccións de nova incorporación no vindeiro curso, e 207 son novos centros implicados nesta iniciativa.

6,5 millóns en formación do profesorado

Por outra banda, Vázquez Abad lembrou ademais que a Consellería tamén está a dar a oportunidade aos docentes de mellorar as súas competencias en linguas estranxeiras en estadías, no marco do Plan Integral de Ayuda a las Lenguas Extranjeras (PIALE), que comprende diversas actividades formativas en idiomas para o profesorado, tanto en España como no estranxeiro.

Neste sentido destacou que ao remate co curso 2012/2013, e cun investimento duns 6,5 millóns de euros, a Consellería terá formado a máis de 4.300 profesores en cursos intensivos CALC e en estadías PIALE. “Estamos a falar de preto de 20.000 horas de formación intensiva nos cursos CALC”, dixo. Ademais, lembrou que os docentes tamén poden mellorar as súas competencias en linguas estranxeiras a través das licenzas por estudos e das 296 actividades organizadas pola rede de formación do profesorado.

Para iso, ao longo da presente lexislatura a Consellería ofertou 1.035 prazas para as estadías do PIALE, o que supuxo un investimento superior a 2,5 millóns de euros. Ademais, e contando a oferta do curso 2012/2013, teranse ofertado 3.300 prazas en Cursos de Actualización Lingüística e Comunicación (CALC) para fomentar e facilitar a acreditación do profesorado no dominio das distintas destrezas comunicativas en distintas linguas, de acordo cos niveis de competencia establecidos no Marco Común Europeo de Referencia para a aprendizaxe de linguas (MECRL). Por outra banda, a rede de formación do profesorado ten desenvolvido xa 296 actividades – cursos, xornadas formativas, entre outras- destinadas á mellora do coñecemento das linguas estranxeiras; e xa se convocaron licenzas por estudos para o próximo curso, que poderán oscilar entre as 80 e as 240, dependendo da duración das mesmas.

Durante a visita o conselleiro estivo acompañado polo director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; e pola delegada da Xunta e o xefe territorial de Educación na Coruña, Belén do Campo e Indalecio Cabana, respectivamente.