A Consellería de Cultura e Educación reforza a súa aposta polo plurilingüismo coa creación de 6 novas seccións das escolas oficiais de idiomas en vilas das catro provincias galegas

O vindeiro curso ofertaranse ensinanzas de inglés en As Pontes, Burela, Sarria, Celanova, Ribadavia e Redondela

A creación destas seccións supón por a disposición da cidadanía 660 prazas para a mellora das súas competencias lingüísticas en lingua inglesa

Trátase dunha nova aposta por achegar o plurilingüismo ás vilas e ao rural galego

Lun, 23/07/2012 - 11:10

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria reforzará o vindeiro curso a súa aposta polo plurilingüismo coa creación de 6 novas seccións das Escolas Oficiais de Idiomas en vilas das catro provincias galegas, en concreto nas Pontes (A Coruña), Burela e Sarria (Lugo), Ribadavia e Celanova (Ournese), e en Redondela (Pontevedra). Trátase dunha nova iniciativa ao abeiro do Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras, que ten nas EOI un dos seus piares fundamentais, polo seu papel como centros para a cualificación e certificación tanto dos docentes – a través de cursos específicos CALC- como do resto das galegas e galegos.

Esta iniciativa de Cultura e Educación é unha nova mostra do compromiso da Consellería co rural, achegando s galegas e galegos que non viven nas cidades as ensinanzas de linguas estranxeiras que se ofertan nas EOI; unha aposta pola igualdade de oportunidades no acceso ao plurilingüismo.

A creación destas seccións supón por a disposición da cidadanía 660 prazas para a mellora das súas competencias lingüísticas en lingua inglesa. Para iso as novas seccións das provincias da Coruña, Lugo e Ourense ofertarán, cada unha, un grupo no nivel básico e dous no intermedio, un total de 90 prazas cada sección. Pola súa parte, na de Redondela haberá 3 grupos no nivel básico e 4 no intermedio, o que suporá crear 210 prazas.

Na provincia da Coruña a nova sección da EOI situarase no IES Castro da Uz, das Pontes de García Rodríguez, dependendo da EOI de Ferrol. En Burela será o IES Monte Castelo o que acolla a sección, dependente da EOI de Viveiro; mentres que a de Sarria, dependente da EOI de Lugo, instalarase no IES Gregorio Fernández. No caso de Ourense, e tal e como xa anunciou o conselleiro, Xesús Vázquez Abad, abriranse dúas novas seccións, unha delas ubicada no IES de Celanova, e a outra no IES de Ribadavia, ambas as dúas dependentes da EOI de Ourense. Respecto da sección de Redondela, esta instalarase no IES Pedro Floriani, e terá como centro de referencia a EOI de Vigo.