Vázquez Abad anuncia que o vindeiro curso máis de 5.300 estudantes da provincia de Ourense mellorarán as súas competencias lingüísticas

A provincia contará no 2012/2013 con 3 novos centros plurilingües e 66 novas seccións bilingües

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria visitou o Centro Residencial Docente da cidade das Burgas onde alumnas e alumnos de 4º da ESO realizan cursos de francés e de inglés

Estas estadías desenvólvense ao abeiro do Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras

Mér, 11/07/2012 - 18:39
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, na visita ás instalacións do Centro Residencial Docente de Ourense

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, anunciou hoxe que máis de 5.300 estudantes ourensáns mellorarán as súas competencias lingüísticas a través do Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras. A cifra a deu a coñecer durante a súa visita as instalacións do Centro Residencial Docente de Ourense onde 73 estudantes de 4º da ESO están a mellorar as súas competencias en francés ou en inglés.

Novidades no plurilingüismo

Durante a súa visita o conselleiro lembrou ás alumnas e alumnos a importancia das linguas estranxeiras para se desenvolveren tanto na vida académica como no seu futuro profesional. Neste sentido a Xunta de Galicia mantén un firme compromiso co impulso do ensino dos idiomas, e o vindeiro curso será o terceiro que se aplique o Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras, e permitirá que máis de 55.000 estudantes melloren as súas competencias noutras linguas no 2012/2013. Así, en tan só tres anos de funcionamento do Plan, o número de seccións bilingües é de 2.322 e o de centros plurilingües practicamente acada os 150.

No relativo a provincia de Ourense o conselleiro anunciou que dos 5.357 estudantes beneficiados, 4.365 están matriculados en centros nos que están as 66 novas seccións bilingües da provincia, sendo 42 delas na cidade de Ourense e que se engaden ás 195 xa existentes ata o curso pasado. Do mesmo xeito preto de 1.000 alumnas e alumnos darán ata un terzo das materias en centros plurilingües que este ano chegan a 16 na provincia, grazas a incorporación de 3 novos colexios.

Mellorar o inglés en Ourense

No relativo a visita que hoxe realizou o conselleiro este recordou que estás estadías están organizadas pola Consellería dentro do marco do Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras, e que ao longo deste mes máis de 150 estudantes galegos participarán nas dúas quendas quincenais que están organizadas para desenvolver os citados cursos de idiomas no Centro Residencial Docente

Acompañado pola xefa territorial de Educación na provincia, Mercedes Gallego; e o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, o conselleiro comprobou como se están a desenvolver as actividades programadas para estes estudantes.

Así todos as nenas e nenos están a compartir espazo con profesores nativos que lles imparten tanto as clases entre as que se atopan unha hora diaria de medios (radio e prensa), outra de gramática, de preparación da xornada e de conversación. Ademais terán actividades variadas entre as que se realizaran deportes, xogos de equipo mesmo actividades artísticas nas que os rapaces continúan a falar tanto en inglés como en francés de feito que optimizan ao máximo a súa estancia nestes cursos.

Estadías

Os estudantes cos que se reuniu hoxe Vázquez Abad están a participar nas estadías formativas organizadas pola Consellería para que o alumnado de 6º de Primaria, ESO, Bacharelato e Ciclos Formativos mellore as súas competencias en linguas estranxeiras durante o verán. Así este ano convocáronse 2.568 prazas para que os estudantes participen en estadías, tanto en ‘vilas inglesas’ en Galicia, como no estranxeiro, en Canadá, Reino Unido, Francia e Alemaña.

Este ano, o programa de estadías contemplou por segunda vez prazas para que estudantes de FP de grao superior que teñan un módulo profesional de lingua estranxeira no currículo do seu ciclo poidan realizar estadías de tres semanas en Canadá. Ademais repítese, por terceira vez, a experiencia de integración dun grupo de 20 estudantes de 1º de bacharelato que durante 4 semanas, a principios de curso no sistema educativo canadense, compartiran aulas cos seus alumnos e profesores.