Vázquez Abad asiste ao concerto de clausura de curso preparatorio para alumnos con necesidades educativas especiais do Conservatorio Profesional de Música na Coruña

O conselleiro de Cultura e Educación recordou que este proxecto innovador, so se realiza en Galicia e Valencia e que preparou aos estudantes o exame de acceso ao Grao Elemental que se fará a finais de mes

Tamén presenciou os ensaios da agrupación de percusión e da orquestra de grao profesional que hoxe realiza o concerto de fin de curso

Ven, 01/06/2012 - 20:45

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asistiu hoxe ao concerto de clausura de curso dos once alumnos con necesidades educativas especiais que realizaron o curso de preparatorio para o exame de acceso ao Grao Elemental que se desenvolveu Conservatorio Profesional de Música da Coruña desde o mes de marzo.

Tras asistir a este concerto Vázquez Abad, que estivo acompañado por director do CMUS, Jesús López Prado; a delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo; o xefe territorial da Consellería na provincia, Indalecio Cabana; e o subdirector xeral de Ensinanzas Especiais e Formación Permanente da Consellería, Juan Durán, presenciou dúas ensaios das formacións musicais do CMUS.

O primeiro deles interpretada pola agrupación de percusión “Atacca”, que desenvolve concertos tanto dentro coma fóra do centro. E o segundo foi o ensaio xeral da orquestra sinfónica de grao profesional de cara ao concerto de fin de curso que se desenvolverá a última hora da tarde no CMUS.   E no que se conmemora o centenario do nacemento de D. Horacio rodríguez Nache, director do conservatorio da Coruña dende 1945 ata 1970. Así mesmo neste concerto participarán como solistas os alumnos selecionados no concurso de solistas que organiza o Centro.

Esta é a segunda vez que Vázquez Abad visita este centro coruñés- a primeira foi con motivo do comezo deste curso especial. En declaracións aos medios recordou que “estes estudantes tiveron unha gran oportunidade para dar un paso máis na realización dos seus soños”, ao tempo que incidiu que “o noso compromiso é darlles as mesmas facilidades que ao resto dos estudantes. Este programa é pioneiro nos Conservatorios da nosa comunidade e de feito cómpre sinalar que tan só se está a desenvolver aquí e máis en Valencia”.

Cómpre recordar que a lexislación educativa veu facilitando e mellorando a integración social e laboral do alumnado con necesidades educativas especiais. Estas persoas teñen dereito a beneficiarse dos mesmos servizos educativos e formativos que o resto de cidadáns, entre eles e neste caso, as ensinanzas reguladas de música.

Proba de acceso.

Valorando a aposta pola innovación educativa así como o nivel de autonomía dos centros escolares este proxecto significou a incorporación de once estudiantes, de entre 12 e 18 anos, con necesidades educativas especiais, tales como síndrome de Down ou síndrome de Williams, a sesións de formación musical de cara á proba de acceso ao Grao Elemental que se realiza o 21 deste mes. Un exame no que se avalían as aptitudes auditivas e vocais, rítmicas e psicomotrices dos alumnos,  aptitudes que estes alumnos desenvolveron  ó longo deste cursiño.

Durante a súa visita o conselleiro volveu a felicitar a todos os implicados neste proxecto xa que “tanto o profesorado como as familias están a desenvolver un traballo excepcional para que estas alumnas e alumnos poidan superar barreiras”, ao tempo que resaltou que “esta é unha nova aposta pola igualdade de oportunidades a través dunha educación de calidade, e neste caso damos resposta a estudantes que a pesares das necesidades educativas especiais teñen todas ás oportunidades precisas para desenvolver as súas inquedanzas artísticas”.