A Consellería de Cultura e Educación recibiu de colexios e institutos 39 solicitudes de incorporación á rede de centros plurilingües de Galicia

Nas vindeiras semanas publicarase o listado provisional de incorporacións

Xov, 31/05/2012 - 14:36

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de recibir 39 solicitudes de colexios e institutos que desexan incorporarse á Rede de Centros Plurilingües de Galicia no vindeiro curso 2012/2013. Deste xeito, un curso máis, confírmase o éxito da iniciativa posta en marcha polo actual Goberno galego, grazas á cal Galicia conta por primeira vez con 110 centros plurilingües.

Nas vindeiras semanas, e tras a avaliación das solicitudes, a Consellería fará público o listado de novos centros plurilingües, que comezarán a impartir ata un terzo do horario lectivo na lingua estranxeira da súa escolla no primeiro curso de primaria ou da ESO, segundo se trate dun colexio ou instituto. Ademais, nos vindeiros cursos as materias en lingua estranxeiras estenderanse, progresivamente, aos seguintes cursos académicos -2º, 3º, e así, sucesivamente-.

Así mesmo, os centros plurilingües que xa funcionan en Galicia desde o curso 2010/2011 comezarán a impartir materias en linguas estranxeiras este curso en 3º de primaria e 3º da ESO – ao tempo que continúan a facelo en 1º e 2º de primaria e da ESO-; e os que se incorporaron no presente ano académico á Rede impartirán materias non lingüísticas en outros idiomas en 2º de primaria e 2º da ESO – mentres seguen impartíndoas en 1º curso de ambas as dúas etapas-.

Cómpre lembrar ademais que continúa aberto ata o vindeiro 31 de maio o prazo apra que os centros educativos soliciten seccións bilingües.

Auxiliares de conversa

Unha vez se coñeza o número total de centros plurilingües que funcionarán o vindeiro curso, a Consellería realizará os trámites para a incorporación, un ano máis, de auxiliares de conversa nativos que apoien as clases en idiomas estranxeiros.

De feito, os centros plurilingües contan con cadanseu auxiliar a tempo completo, un apoio que se estende, de forma individual ou compartida con outros centros, aos colexios e institutos nos que están a funcionar seccións bilingües.

No presente curso prestaron o seu apoio no sistema educativo galego 361 persoas nativas, un 438 % máis das que había ao inicio da lexislatura.

Aposta polo plurilingüismo

Deste xeito a Consellería de Cultura e Educación dá continuidade á implantación do Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras, que xa ten superado as súas expectativas iniciais en grande medidas. Non en balde, as previsións para o 2011/2012 eran de chegar aos 100 centros integrados na Rede de Plurilingües e ás 1.600 seccións, pero o gran éxito das convocatorias fixo que se superaran estas cifras, ata chegar aos 110 centros plurilingües, 52 máis que no 2010/2011; e 1.863 seccións bilingües, 344 novas respecto do curso anterior. Así, só a través destas iniciativas, máis de 40.800 estudantes e profesores beneficiaranse dun ensino plurilingüe, o 15% en centros plurilingües, cando nun primeiro momento se estimaba que 40.000 galegas e galegos terían mellorado as súas competencias en outros idiomas ao final da lexislatura ao abeiro deste plan.

Cómpre destacar ademais que a Consellería cumpriu tamén con outro dos seus compromisos, ao publicar a nova regulación dos centros plurilingües e seccións bilingües que funcionan nos centros de ensino da Comunidade Autónoma. Trátase dunha aposta pola calidade educativa, xa que se establece que o profesorado implicado nestas iniciativas, deberá acreditar que dispón do nivel B2 do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCERL). Estes docentes deberán ademais colaborar na elaboración da programación de contidos, actividades e materiais currículos específicos de apoio en lingua estranxeiras, e participar nas actividades para a formación inicial e continua deseñadas e impulsadas pola Consellería. Ademais, nas devanditas ordes quedan establecidos os obxectivos de centros plurilingües e seccións, así como as necesidades de cualificación do seu profesorado.