Cultura e Educación organiza unha nova Xornada de Innovación Educativa que contribúe á formación de 500 profesores

O evento “Innovando por competencias” celébrase entre hoxe e mañá no IES Universidade Laboral de Culleredo

O obxectivo deste encontro é reflexionar sobre os retos que supoñen a ensinanza e a aprendizaxe por competencias, e propoñeranse modelos de boas prácticas nas aulas, nos centros e nas comunidades educativas

Ven, 27/04/2012 - 13:56

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria dá un novo paso para a formación do profesorado coa organización das II Xornadas de Innovación Educativa: Innovando por Competencias, que hoxe e mañá terán lugar no IES Universidade Laboral de Culleredo, na Coruña.

Os principais obxectivos desta actividade de formación organizada desde a Consellería, a través do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI), son reflexionar sobre os retos que supoñen a ensinanza e a aprendizaxe por competencias e propoñer modelos de boas prácticas nas aulas,  nos centros e nas comunidades educativas.

Un dos obxectivos das xornadas é coñecer a orixe, a evolución e as tendencias actuais da innovación educativa asociada ao desenvolvemento das competencias básicas e disciplinares do alumnado e ao desenvolvemento de competencias profesionais do profesorado. Ademais, no encontro procederase a analizar, reflexionar e debater o estado actual da innovación educativa en relación coas competencias básicas e disciplinares e as competencias profesionais por parte dos axentes implicados.

Finalmente, compre salientar que as II Xornadas de Innovación Educativa pretenden das a coñecer e difundir experiencias que estean a desenvolverse no sistema educativo e que poidan constituír exemplificacións de boas prácticas para o profesorado de innovación sobre competencias básicas e/ou competencias profesionais.

O programa

As xornadas foron inauguradas polo director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, José Luis Mira Lema e, a continuación, o coordinador xeral do Proxecto Atlántida, Florencio Luengo, falou sobre as competencias básicas en España, a proposta europea e a LOE. Para finalizar a xornada do venres desenvolveuse unha mesa redonda que, baixo o título “As competencias para a innovación. Da investigación ás aulas”, foi seguida da interacción co público asistente.

O sábado haberá relatorios sobre experiencias educativas innovadoras nos que os protagonistas falarán sobre as distintas achegas innovadoras en todos os niveis educativos.

Posteriormente, o Gabinete de Mestres de educaBarrié dará a coñecer o proxecto educativo da Fundación Barrié compartindo así coa comunidade docente as súas expectativas, recursos e proxectos en marcha.

Ademais, ao longo do día haberá dúas conferencias; unha delas sobre innovación educativa no contexto da educación do século XXI, a cargo do profesor da Universidade de Granada, Fernando Trujillo, e a segunda delas, a cargo do catedrático de Didáctica e Organización Escolar da Universidade de Málaga, Ángel I. Pérez Gómez, será a que peche o encontro, na que falará sobre competencias e currículos.