Máis de 60 investigadores preparan a súa tese doutoral en empresas e centros tecnolóxicos galegos cun apoio da Xunta de case 8 M€
Román Rodríguez sinala que o programa de Doutoramentos Industriais capta talento, crea emprego e promove a transferencia de coñecemento desde as universidades
Nas catro edicións en marcha están implicadas 45 empresas e 7 centros de I+D+i
Ciencias, enxeñaría e arquitectura e saúde son as principais áreas de coñecemento
Por universidades, o 59 % procede da USC, o 24,6 % da UVigo e o 16,4 % da UDC
A Xunta de Galicia celebrou hoxe o acto de benvida da nova promoción do programa de Doutoramentos Industriais grazas o cal 61 investigadores están a desenvolver a súa tese en empresas a centros tecnolóxicos da nosa Comunidade. O Goberno autonómico leva investidos case 8 millóns de euros nesta iniciativa, que acada este curso a súa cuarta edición co obxectivo de apoiar que persoas doutorandas realicen a súa investigación nunha contorna empresarial.
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, deu a benvida aos 15 novos integrantes desta iniciativa e aos seus titores, así como aos representantes das empresas e centros tecnolóxicos que os contrataron para a realización dos seus proxectos ata 2028. Ao longo do tempo, levan xa colaborado con esta iniciativa un total de 45 empresas e 7 centros tecnolóxicos do conxunto da nosa Comunidade.
Sinalou, ademais, que o programa é unha “ferramenta estratéxica para conectar o mundo académico co tecido produtivo e achegar respostas a problemas reais, contribuíndo así á competitividade e á modernización de Galicia”. Neste senso, afirmou que este programa é máis que unha convocatoria de axudas, “é un compromiso co futuro, co talento e coa cooperación entre a universidade e a empresa, que en gran medida é o nexo entre a investigación e a innovación”.
Presenza feminina en aumento
O representante do Goberno galego, que estivo acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, tamén destacou o talento científico dos investigadores predoutorais, agradeceu a colaboración de universidades e das empresas e centros tecnolóxicos, que apostan “pola ciencia como xerme de innovacións disruptivas”, e inscribiu esta iniciativa na aposta da Xunta de Galicia por xerar, atraer e reter talento de I+D+i en Galicia, tal e como fixa o Plan de investigación e innovación.
A Xunta inviste nesta cuarta edición do programa case 2 millóns de euros, o que eleva a dotación total do programa a 7,6 M€ desde 2021. Dos 15 profesionais, o 60 % son mulleres, cifra que no conxunto do programa sitúase nun 43 %, unha cifra que medra este ano grazas ao impulso feminino na convocatoria actual. Ciencias, enxeñaría e arquitectura e saúde son as áreas de coñecemento nas que se concentra o maior número de teses apoiadas no marco do programa, tanto de xeito global como nesta última convocatoria. Das 61 teses, mantéñense activas 57 e só houbo 4 renuncias.
Seguindo a tendencia xeral da iniciativa, case un 60 % das persoas doutorandas están titorizadas desde a Universidade de Santiago de Compostela (59 %), seguidas da Universidade de Vigo (24,6 %) e da Universidade da Coruña (16,4 %). Os detalles dos seus proxectos poden ser consultados no dossier informativo anexo.
Conectar a investigación e o mercado
Ademais de potenciar a captación de talento e a creación de emprego de calidade, o programa de Doutoramentos Industriais promove a transferencia de coñecemento das universidades ao tecido produtivo e fomenta a realización de proxectos de investigación industrial en empresas. Tamén estimula a incorporación do persoal doutor resultante nas empresas unha vez que remata a axuda, dándolle continuidade á súa contratación.
Os proxectos de investigación das teses procuran resolver as necesidades e retos da empresa ou centros tecnolóxicos receptores. As axudas cobren os custos de contratación e os gastos relacionados co proxecto tanto na universidade como na empresa, ao tempo que ofrecen apoios para a realización de estadías de tres meses no estranxeiro.
O programa de Doutoramentos Industriais enmárcase na ampla estratexia da Xunta de favorecer a conexión entre a investigación e o mercado e posicionar Galicia como rexión atractiva para o desenvolvemento da carreira investigadora con distintas accións.