Alumnos do Instituto Plurilingüe de Valga plantan unha camelia nos xardíns da Xunta en San Caetano

Ven, 07/03/2025 - 17:48
O conselleiro posando nos xardíns da Consellería cun grupo de alumnos

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañou hoxe a un grupo de alumnos do Instituto IES Plurilingüe de Valga na plantación dunha camelia nos xardíns da sede da Xunta de Galicia en San Caetano. A camelia é unha doazón do centro e os responsables de plantala foron os estudantes de Formación Profesional do ciclo de grao medio en Xardinaría e floraría do centro valgués.

 

O conselleiro agradeceu ao instituto o agasallo e convidou aos alumnos a manter viva a tradición que vencella moi estreitamente o concello de Valga coa camelia. Non en balde, este concello pontevedrés acolle cada ano unha mostra dedicada a esta flor que é unha cita obrigada para os afeccionados e vai xa pola súa décimo sétima edición.