A Xunta felicita ao Colexio Cardeal Quiroga Palacios de Santiago polo premio ‘Tolerancia cero fronte ao acoso escolar’
A directora xeral de Innovación Educativa visita o centro para coñecer de primeira man o proxecto ‘Os valores do olimpismo na escola’, co que obtivo un dos premios do certame
O obxectivo do galardón é sensibilizar aos máis novos sobre a necesidade de manter un bo clima de convivencia e fomentar valores como a tolerancia e o respecto
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Xunta, Judith Fernández, visitou hoxe o Colexio CEIP Plurilingüe Cardeal Quiroga Palacios para coñecer de primeira man o proxecto Os valores do olimpismo na escola, polo que este centro acadou un dos premios do novo certame Tolerancia cero fronte ao acoso escolar.
A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP felicitou a comunidade educativa do colexio compostelán pola súa implicación nesta iniciativa “que busca sensibilizar aos máis novos sobre a necesidade de manter un bo clima de convivencia na aula e fomentar valores como a tolerancia e o respecto aos demais, que lles serán imprescindibles na súa vida adulta”.
O proxecto Os valores do olimpismo na escola, que obtivo un terceiro premio na súa categoría, parte da utilidade do deporte para combater o acoso escolar, xa que fomenta valores fundamentais como o traballo en equipo, respecto, solidariedade, empatía, disciplina, autoestima e confianza. Malia que o centro detectou que no inicio das actividades xurdían pequenos conflitos por non saber aceptar os resultados da competición, traballáronse desde o diálogo para que todos os escolares aprenderan a gañar e a perder.
Entre outras iniciativas realizáronse actividades deportivas con adaptación a cadeira de rodas (brilé adaptado sentados no chan) e discapacidade visual (carreiras por parellas cun atleta guía e outro cos ollos vendados), unha carreira solidaria, un himno olímpico que foi signado polas intérpretes de lingua de signos ou competicións deportivas internivel.
Ademais, os diferentes departamentos do centro traballaron en coordinación para a elaboración de carteis con pictogramas ou murais de promoción da igualdade entre mulleres e homes, entre outros.
Plan integral contra o acoso escolar
Impulsado pola Consellería de Educación, o obxectivo deste premio é promover a participación do alumnado en programas que estimulen a súa implicación no respecto aos dereitos humanos individuais e sociais a través de accións concretas de loita contra o acoso e o ciberacoso escolar e de coidado e acompañamento das vítimas. Dá cumprimento, ademais, a unha das accións recollidas no Plan integral contra o acoso e o ciberacoso que, á súa vez, está inxerido na Estratexia galega de convivencia escolar.
A comisión avaliadora dos proxectos tivo en conta aspectos como a súa calidade, carácter innovador, a avaliación dos seus resultados, o nivel de implicación dos membros da comunidade educativa (familias, institucións...), ou a posibilidade de replicar o modelo noutros centros.