Os idiomas ocupan a terceira xornada do congreso da Mostra do Ensino 2012 que organiza a Consellería de Cultura e Educación

O experto en ensinanzas de idiomas Richard Vaughan cualificou o plurilingüismo como “fundamental na sociedade moderna"

Vaughan sinalou o valor engadido que supón o apoio nativo para a aprendizaxe do idioma, labor que desenvolven este curso 361 auxiliares de conversa nos centros educativos galegos

Ven, 13/04/2012 - 14:20

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria converteu hoxe o congreso da Mostra do Ensino 2012, que se celebra ata mañá na Coruña, nun centro para a reflexión e o debate sobre o ensino e aprendizaxe das linguas estranxeiras. Dos relatores que se reuniron na sesión da mañá, o experto en ensinanzas de idiomas Richard Vaughan destacou a importancia do plurilingüismo na nosa sociedade “como elemento enriquecedor para moverse polo mundo do traballo e cultural se falamos de linguas autóctonas, que non se poden perder”.

Vaughan, que conta cunha ampla traxectoria especializada en ensinanzas de linguas estranxeiras, salientou o valor engadido que supón ter profesores de linguas estranxeiras nativos desde a etapa escolar, algo que a Consellería está a impulsar a través dos 361 auxiliares de conversa que colaboran nos centros de ensino de Galicia para que tanto o alumnado como o profesorado mellore as súas competencias en linguas estranxeiras.

A base, segundo este experto, é o correcto manexo das linguas propias de cada estudante para, despois, poder adentrarse na lingua estranxeira. Así mesmo explicou que a mellor forma de que as linguas poidan coexistir é a aprendizaxe e falar as linguas propias na propia casa.

Como exemplo práctico do coñecemento en outros idiomas,  Vaughan expuxo o caso de Holanda e o caso da zona do flamenco en Bélxica. “En Holanda –sinalou- os taxistas falan inglés, aínda que só o estudaron ata os 17 anos. Pero iso si, escóitano de maneira permanente desde a idade de preescolar, pero sen presión académica, qué una maneira de desmitificar o aprendizaxe dunha lingua”.

Neste sentido salientou a necesidade de avanzar “sen présas pero sen pausas na aprendizaxe”, indicando como un obxectivo desexable falar unha lingua como o inglés “cun nivel suficiente aos 23 anos, para poder entenderse cun nativo de Thailandia”.

Experiencias e boas prácticas

Na sesión da mañá, ademais do relatorio de Vaughan, afondouse na situación de España no que atinxe á aprendizaxe das linguas estranxeiras. Ademais, membros da comunidade educativa e docentes de centros educativos que desenvolven iniciativas de impulso de plurilingüismo debatiron nunha mesa redonda sobre as actividades que se están a desenvolver en colexios e institutos para mellorar as competencias do alumnado galego en idiomas.

O programa completarase pola tarde coa presentación de exemplos de boas prácticas sobre o plurilingüismo nos centros educativos por parte de centros galegos e coa intervención dun representante do Principado de Asturias. Pechará a xornada un concerto da Orquestra Sinfónica do Conservatorio Profesional de Música da Coruña.