Máis de 250 profesionais da orientación participan no I Encontro de Atención á Diversidade organizado pola Consellería de Cultura e Educación

O departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad impulsa este evento no marco da súa aposta pola atención ás necesidades específicas de atención educativa de cada estudante galego

Neste mesmo marco a Consellería vén de lanzar un portal web dedicado á atención á diversidade e á orientación

Mér, 21/03/2012 - 20:14

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria reuniu hoxe na Coruaña a máis de 250 orientadores no I Encontro de Atención á Diversidade desde o departamento de Orientación e o Equipo de Orientación Específico (EOE), un acto organizado polo Centro de Formación e Recursos da Coruña dentro do seu Plan Anual de Formación do Profesorado.

Coa organización deste encontro o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad procura optimizar a colaboración na prevención e intervención educativas entre os Departamentos de Orientación e o Equipo de Orientación Específico, creando unha rede dinámica de intercambio de información e boas prácticas, co fin de compartir modelos, protocolos, materiais e recursos entre orientadores.

No encontro presentáronse as liñas xerais e prioridades da Consellería sobre a Orientación Educativa e Profesional, entre as que destaca o Decreto 229/2011 polo que se regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia, que representa a aposta da Consellería pola participación do conxunto da comunidade educativa e pola colaboración entre as distintas administracións para promover o desenvolvemento das potencialidades de cada estudante, no marco da construción dunha escola inclusiva.

Así mesmo afondouse sobre os modelos de orientación, protocolos de coordinación, estratexias de prevención e intervención prioritarias coordinadas entre os orientadores e as distintas especialidades do EOE. Doutra banda abordáronse a elaboración de protocolos de colaboración interdisciplinar entre os servizos de orientación e outros servizos de apoio á saúde mental, servizos sociais e atención temperá.

Cómpre lembrar que, no marco da aposta da Consellería de Cultura e Educación pola atención á diversidade do alumnado, o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad vén de lanzar o novo portal web /portal/diversidadeorientacion, que ofrece de xeito concentrado diferentes tipos de orientación e unha mostra de recursos, publicacións e ligazóns de interese que contribuirán á atención á diversidade e á orientación, promovendo o desenrolo dunha educación equitativa e de calidade.

Intercambio de experiencias

No encontro participaron como asesores responsables da formación Gerardo Nistal Martino, tamén responsable da organización (CFR A Coruña), Andrés Crespo Acción (CFR Ferrol) e Mª Isabel Calvo Díaz (CAFI). Así mesmo colaboraron como relatores ou coordinadores de mesas redondas os especialistas do EOE en trastornos de conduta como Manuel Armas Castro e Rosa Mª Cazón Fernández; en orientación vocacional e profesional, Domingo Álvarez Aguado; en discapacidades motóricas, Miguel Campuzano Alvarez; en trastornos xeneralizados do desenvolvemento (TXD) Pilar Mª Barreiro González; en traballo social, Mª Dolores Mera Lorenzo; e en discapacidades sensoriais, Mercedes Varea Cascallar.

O encontro comezou co relatorio, impartido polo asesor da Consellería, Manuel Rey, sobre o Decreto de Atención á Diversidade, e coa presentación do encontro a cargo do especialista en Orientación Vocacional e Profesional Domingo Álvarez Agudo. O programa da mañá completouse cunha mesa redonda arredor da atención á diversidade na que participaron membros da Asociación Síndrome de Down, de ASPRONAGA e do IES Urbano Lugrís (Malpica); e que foi coordinada polo especialista en discapacidades motoras Miguel Campuzano. Así mesmo abordáronse as prioridades na coordinación entre os departamentos de orientación e o Equipo de Orientación Específico.

Xa pola tarde celebráronse seis mesas redondas para o intercambio de experiencias e boas prácticas arredor da convivencia, os trastornos de hiperactividade (TDAH) e do espectro autista (TEA), o traballo comunitario en rede, a mirada socio-emocional na aprendizaxe e avaliación psicopedagóxica, as estratexias e materias do departamento de orientación e o traballo insterinstitucional en rede. En todas elas participaron profesionais da orientación que están a desenvolver proxecto para a atención á diversidade en colexios e institutos galegos.