Un estudo constata que o rendemento escolar do alumnado mantense con E-Dixgal, programa que se reforzará con máis calidade, formación e seguridade

Román Rodríguez subliña a necesidade de avanzar no modelo híbrido de ensino galego onde os alumnos compaxinen as máximas competencias analóxicas e dixitais

Deu conta dun estudo censal comparativo sobre 70.000 alumnos, onde se conclúe que os resultados académicos son parellos con independencia do sistema que usen

Mér, 22/05/2024 - 14:15
ed

A Xunta de Galicia vai reforzar de cara ao vindeiro curso 2024-2025 o programa E-Dixgal, de libro dixital, no sistema educativo galego cunha aposta consensuada onde primará a calidade dos contidos, a seguridade no acceso, a formación do profesorado e a información ás familias.

Así o sinalou o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, con motivo da presentación dun estudo censal entre case 70.000 alumnos sobre a incidencia do emprego do libro dixital nos resultados académicos, así como da folla de ruta para implementar este programa. É o resultado de escoitar á comunidade escolar nos últimos días en xuntanzas de traballo con representantes das anpas, cos equipos directivos dos centros e cos coordinadores Abalar. Na presentación estivo acompañado polo director da Amtega, Julián Cerviño; polo secretario xeral técnico, Manuel Vila, e pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández. 

O titular de Educación explicou que o modelo educativo galego está asentado “como un modelo híbrido onde conviven o analóxico co dixital”, dando así cumprimento aos requirimentos normativos europeos e estatais, xa que tanto o Consello de Europa como as leis e os currículos españois sitúan a competencia dixital como prioridade desde a infancia. Para iso, Galicia ten en marcha a Estratexia Educación Dixital 2030, cun conxunto de accións coordinadas enfocadas a xerar un ecosistema dixital e formar a profesorado e alumnado nestas novas competencias e tecnoloxías, entre as que se encontra E-Dixgal como unha ferramenta complementaria e voluntaria por parte dos centros.

Román Rodríguez salientou que o ensino “non pode quedar ás costas do actual escenario tecnolóxico” xa que a competencia dixital “é unha obriga curricular” no marco europeo e estatal, así como “unha garantía de futuro persoal e profesional” na que hai que seguir traballando “de xeito colaborativo, con rigor, con diálogo e con coñecemento”.

Resultados parellos

Neste escenario enmárcase o ambicioso estudo comparativo sobre a incidencia do libro electrónico no sistema educativo da nosa Comunidade, no que se analizaron os datos consolidados correspondentes ao cursos 2021-22, das notas medias globais dos alumnos dos centros públicos galegos adheridos ou non a E-Dixgal.

Logo de avaliar as cualificacións dun total de 70.000 estudantes de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º de ESO, os resultados de rendemento escolar son practicamente idénticos en centros E-Dixgal e non E-Dixgal, cunha tendencia a favor dos primeiros dalgunhas décimas.

Estas diferenzas teñen un maior impacto naqueles centros E-Dixgal que levan catro ou máis anos no programa. É dicir: as notas medias globais do alumnado son similares estuden ou non con libro electrónico e, de haber algunha diferenza, esta sempre é a favor do alumnado de centros E-Dixgal, algo que se fai máis evidente naqueles que levan máis anos no programa. De feito, o estudo analiza por separado os centros que levan entre 1 e 4 anos adheridos a E-Dixgal e os que o implantaron hai máis de catro cursos. 

Cómpre ter en conta, igualmente, que a participación territorial no E-Dixgal é semellante nas zonas rurais (o 45,27% dos centros) e nas urbanas (o 50,53% dos centros) polo que o programa é unha ferramenta que tamén contribúe á redución da fenda dixital, que é precisamente un dos retos da Estratexia Educación Dixital 2030. Así mesmo, supón un o un maior achegamento ao eido dixital e as súas metodoloxías didácticas innovadoras.

Mellora de contidos

Doutra banda, no encontro cos medios de comunicación tamén se avanzaron as novas accións para reforzar o programa E-Dixgal co fin de continuar perfeccionando o sistema, sobre todo no que atinxe aos contidos, ao asesoramento e apoio aos centros educativos, á formación do profesorado e á información ás familias.

Así pois, de cara ao vindeiro curso, a Xunta está traballando xa na mellora dos contidos dixitais, tanto no que atinxe á súa calidade como variedade. Para iso, estase ultimando unha nova licitación de contidos por un importe de preto de 4 millóns de euros.

Paralelamente, a Consellería está traballando na nova plataforma Creagal, de recursos dixitais de calidade en aberto, nun dossier deseñado para uso dixital ou impreso con todas as materias e todos os niveis, e na supervisión permanente de contidos que implicará un procedemento continuo de revisión por parte de expertos docentes con coñecementos experiencia nas diferentes especialidades e áreas curriculares.

Formación do profesorado

Canto ao apoio ao profesorado, habilitarase un novo plan de formación específico de ensino dixital e reforzarase a figura do coordinador E-Dixgal. Tamén se continuará co proceso de acreditación de competencias dixitais do profesorado, no que Galicia foi das comunidades en emitir as primeiras acreditacións. Esta certificación está en marcha xa tamén para o alumnado, con probas para estudantes de 2º de Bacharelato e de 4º de ESO.

Co fin de visualizar as boas prácticas e o traballo excelente, crearase o selo Centro de Excelencia E-Dixgal, que se converterán en centros piloto para a posta en práctica de novos recursos e a experimentación de novos avances, ao tempo que servirán como modelos inspiradores na convivencia do analóxico e o dixital para o resto dos centros.

Acompañamento ás familias

Dando cumprimento ás demandas das anpas, outra das liñas de traballo vai ser o reforzo da información, apoio e acompañamento ás familias, con formación específica sobre a competencia dixital e guías de uso dos dispositivos que se materializarán a través das Escolas de Nais e Pais. Tamén se incidirá no reforzo da navegación segura que blinde o acceso dos alumnos a información sensible ou desapropiada para a súa idade.