Unha delegación do Instituto Estatal de Calidade e Investigación escolar de Munich coñece en Lugo a estratexia da Xunta en ensino innovador

Visitan o Instituto IES Nosa Señora dos Ollos Grandes para afondar na metodoloxía didáctica nas materias sobre Intelixencia Artificial

Coñecen o Colexio Sagrado Corazón, como exemplo do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, o IES Sanxillao e o CIFP As Mercedes, referentes en FP

Mar, 09/04/2024 - 15:25
c

A directora xeral de Ordenación e Innovación educativa, Judith Fernández, visitou hoxe o Instituto IES Nosa Sra. dos Ollos Grandes con representantes do Instituto Estatal de Calidade Escolar e Investigación Educativa de Munich, no marco da estadía desta delegación alemá para coñecer o sistema educativo galego.

En concreto no instituto lucense, xunto con docentes do centro e técnicos da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, a delegación xermana afondou na metodoloxía didáctica para impartir materias relacionadas coa Intelixencia Artificial. Cómpre lembrar que o sistema educativo galego conta con dúas materias específicas neste sentido: Intelixencia artificial para a sociedade e Tecnoloxías intelixentes, ambas impartidas no Ollos Grandes.

Na súa visita a Lugo, os representantes do Instituto Estatal de Calidade Escolar e Investigación Educativa de Munich coñeceron tamén o Colexio CEIP Sagrado Corazón, como modelo de centro adaptado ao Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica. Así mesmo, esta tarde visitan o Instituto IES Sanxillao e o Centro Integrado de FP As Mercedes, ambos referentes de innovación na Formación Profesional.

Durante a súa estadía en Galicia, que se prolongará ata o venres, afondarán tamén nas estratexias da Xunta en materia de dixitalización do ensino, de innovación educativa e de formación do profesorado en senllas visitas a Centro de Innovación Educativa e Dixital  e a Centro Autonómico de Formación e Innovación. Entre outros asuntos, abordaranse o proxecto EdugalIA, de intelixencia artificial aplicada ao sistema educativo galego, ou os Polos Creativos. Así mesmo, farase unha posta en común e estudarase a posibilidade de establecer sinerxías entre ambas institucións en prol da calidade do sistema educativo.