A Xunta impulsa ‘Ágora Dixital’, unha plataforma especializada en recursos tecnolóxicos e dixitais ao servizo da docencia

Educación traballa na configuración deste espazo que se publicará na primeira quincena de abril e funcionará como punto de encontro de estratexias, ideas e recursos á disposición do profesorado

Os profesionais educativos terán acceso libre e gratuíto a recursos innovadores creados por profesorado con experiencia e testados en contextos reais de aula

Os próximos días procederase ao seu lanzamento público con 90 publicacións de diversa índole coa previsión de acadar as 150 antes de que remate o curso

Incluirá un espazo sobre a implementación da Intelixencia Artificial a nivel docente

Trátase dunha ferramenta de apoio ao proceso de aprendizaxe do sistema educativo galego onde o analóxico e o dixital se complementan entre si

Xov, 14/03/2024 - 18:33
a

A Xunta está ultimando a posta en marcha de Ágora Dixital, unha plataforma especializada en recursos tecnolóxicos e dixitais ao servizo da docencia en Galicia, da cal deu conta hoxe a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades a través dun informe elevado ao Consello.

Este novo espazo educativo, no que actualmente está traballando o Centro de Innovación Educativa e Dixital, publicarase á volta das vacacións de Semana Santa e concíbese como unha praza aberta da comunidade educativa na que, á semellanza da ágora da Antiga Grecia, os docentes poden achegarse aos últimos recursos sobre temática STEM e dixital creados por profesorado de diversas materias de niveis non universitarios da educación obrigatoria.

Trátase, por tanto, dun espazo de creación, de coñecemento e de diálogo colaborativo entre o profesorado con máis experiencia docente nestas temáticas cunha proposta de traballo en equipo no que se podan achegar ideas, estratexias e recursos de calidade e fiables previamente testados en contextos reais na aula.

Esta nova acción está concibida como unha ferramenta máis de apoio ao proceso de aprendizaxe dentro do sistema educativo galego, que se caracteriza pola convivencia dos métodos analóxico e dixital, que se complementan entre si.

Nos próximos días está previsto o seu lanzamento público a través do web do Centro de Innovación Educativa e Dixital. Inicialmente a plataforma incluirá 90 publicacións de diversa índole que se verán incrementadas ata 150 antes de que remate o curso.

Así pois, logo da súa posta en funcionamento, a dinámica de funcionamento de Ágora Dixital centrarase na colaboración e creación de redes de docentes que poidan enriquecer o ecosistema educativo e dixital galego e a visibilización de boas prácticas de calidade do profesorado do sistema educativo autonómico.

Estrutura en seis laboratorios

As publicacións estarán estruturadas en seis apartados ou laboratorios, denominados LAB: LAB-Microsecuencias, LAB-Espazos, LAB-Estratexias, LAB-Expert, LAB-Ideas e LAB-IA. Estes LAB están configurados como axudas metodolóxicas de distintos tipos (experimentos, propostas de boas prácticas...) de apoio aos docentes para enriquecer o seu labor na aula a través dunha clase guiada. Todos eles presentan unhas características comúns, con etiquetas para clasificar, organizar e facer buscas entre todas as publicacións que se recollen.

O primeiro apartado, LAB-Microsecuencias, consiste en pílulas en aberto e reutilizables, tanto para aprender de maneira flexible como para levar á aula. Están baseadas na micro-aprendizaxe experimental e caracterízanse polo seu formato curto e pluridisciplinar, están categorizadas por nivel educativo e relacionadas co currículo con correspondencia coas competencias clave e son facilmente replicables na aula. Poden ser presentadas como unha pregunta, un reto ou unha afirmación. A modo de exemplo, pódese partir da afirmación O poder desoxidante da vitamina C. A partir de aí, ofértase ao docente unha pequena introdución do experimento, unha cesta de materiais (laranxa, exprimidor, auga, pinceis...), recomendacións técnicas e guía para que o experimento se poda levar a cabo con toda a seguridade e cumpra coa súa función didáctica.

No apartado LAB-Espazos, o profesorado atopará consellos para a transformación de espazos educativos innovadores, así como para a creación de novos espazos de aprendizaxe explorando propostas novidosas de experimentación dentro e fóra da aula. Por exemplo, pódese acceder ao proxecto Espazo de lecer no instituto xerado por un instituto concreto onde se describa a orixe da idea, as necesidades do alumnado e a mellora da contorna. O resto do profesorado ten acceso a esta proposta que pode servir de guía para replicar no seu centro educativo.

O LAB-Estratexias configúrase como pequenas achegas, moi resumidas, para coñecer e implementar diversas estratexias de aprendizaxe na aula. O seu formato é comprimido e está composto dun plan sinxelo cun vídeo curto explicativo con puntos clave e elementos descargables para unha aplicación doada na aula. Trátase de estratexias docentes con ideas e recursos para captar a atención do alumnado e manter o seu interese.

LAB-Expert abrangue entrevistas e pequenas achegas sobre tendencias emerxentes na educación en formato vídeo curto onde persoas expertas dan a súa opinión e aportan a súa experiencia en diversos campos temáticos relacionados co mundo dixital e STEM e a educación. Son propostas específicas complementarias sobre temáticas innovadoras e emerxentes que poden resultar de interese para o alumnado. Por exemplo, unha proposta pode ser Que é a intelixencia artificial verde. Neste apartado, os docentes teñen acceso a documentación de expertos así como a unha guía metodolóxica para abordar o tema na aula sacándolle o máximo proveito.

O apartado de LAB-Ideas está concibido como punto de reunión e participación para compartir e recomendar información valiosa para o profesorado en forma de recursos, convocatorias, premios, formacións e proxectos entre outros. Aquí inclúese a posibilidade de acceder a laboratorios virtuais ou de participar en feiras científicas tamén en modo virtual.

Por último, LAB-IA é un espazo que amosa pequenas achegas sobre a implementación da Intelixencia Artificial a nivel educativo para persoas que desexen iniciarse nesta temática. A integración da IA na educación supón un reto, pero tamén un novo mundo de oportunidades de soporte das tecnoloxías intelixentes no labor docente. Isto é, que o profesorado disporá dun espazo virtual no que, a través deste LAB, teña a oportuniddae de atopar, acceder e explorar información actualizada sobre este tema e que lle resulte de interese para a súa aplicación na aula.