A directora xeral de FP destaca o campionato de baristas de Foz como un escaparate da calidade das ensinanzas de hostalaría en Galicia

Eugenia Pérez participa na entrega de premios da XVI edición deste certame internacional que reúne a alumnos de oito comunidades autónomas

Xov, 22/02/2024 - 17:46
b

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, participou este mediodía na entrega de premios do XVI Campionato Internacional de Baristas de Escolas de Hostalaría que organiza o instituto IES de Foz, onde destacou a importancia deste tipo de certames “como escaparate onde se visibiliza a calidade destas ensinanzas no noso sistema educativo, cunha formación especializada que abre as portas ao mundo laboral”.

Así mesmo, a representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades subliñou que a FP de Hostalaría é un referente a nivel nacional. Non en balde, neste certame participan un total de 18 alumnos de oito comunidades autónomas: Asturias, Canarias, Cantabria, Castela e León, Galicia, Madrid, Navarra e País Vasco.

Á par do certame de Baristas, que arrancou o mércores, tamén se celebra o XI Campionato Internacional de Cata de Cafés de Escolas de Hostalaría, polo que a directora xeral de FP aproveitou para tamén poñer en valor a importancia deste eido “como un plus de calidade neste tipo de servizos”. Así mesmo, Eugenia Pérez felicitou á comunidade educativa do IES de Foz pola organización ano a ano desta cita consolidada, e a todos os premiados polas destrezas e profesionalidade amosadas.

O evento conta co apoio da Xunta de Galicia e coa participación ao completo dos oito centros que conforman a Rede Galega de FP de Hostalaría. Xunto cos mencionados certames internacionais de Baristas e de Cata de cafés, no centro focense tamén se desenvolve o X Campionato Internacional de Baristas Profesionais.