Xesús Vázquez Abad destaca o traballo do CEIP Ramón Cabanillas a prol da mellora da calidade educativa a través do contrato-programa asinado coa consellería

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria visitou hoxe este centro compostelán

Vázquez Abad anunciou obras de mellora no colexio por importe de 3.000 euros

O centro participa en programas punteiros como o Abalar, o que supuxo un investimento de 21.890 euros

Lun, 05/03/2012 - 13:45
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Ab
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe o CEIP Ramón Cabanillas, en Santiago de Compostela

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, destacou hoxe o traballo que a comunidade escolar do CEIP Ramón Cabanillas (Santiago de Compostela) está a desenvolver a prol da mellora da calidade educativa, a través do contrato-programa que vén de asinar coa Consellería. Tal e como explicou Vázquez Abad na súa visita a este colexio, 28 alumnas e alumnos beneficiaranse este curso das iniciativas postas en marcha ao abeiro da liñade reforzo, orientación e apoio, no marco destes contratos-programa, co fin de potenciar a aprendizaxe e rendemento do alumnado.

O conselleiro explicou ademais que o plan PROA ten experimentado un incremento dun 35%, con 213 centros beneficiados este curso respecto dos 157 da etapa do Goberno bipartito. Deles, 130 correspóndense con colexios e institutos que asinaron coa Consellería contratos-programa, mentres que os 83 restantes son centros de ensino que participan do Plan de Iniciativas de Mellora (PIM), “o que significa unha aposta mpoi importante do departamento educativo da Xunta de Galicia polas medidas contr ao fracaso escolar”, dixo Vázquez Abad.

O conselleiro reincidiu no compromiso do departamento que dirixe para dar resposta ás demandas de programas de mellora por parte daqueles centros que, de forma voluntaria, realizaron unha autoavaliación e presentaron un proxecto de mellora da calidade educativa; o que se fixo realidade coa sinatura de 144 contratos-programa con centros educativos galegos.

En concreto, a Consellería comprometeuse, ao abeiro do contrato-programa, a dotar ao centro dun docente a media xornada, así como a proporcionar ao colexio gratificacións pola coordinación das actuacións e unha achega adicional de 14.000 euros para gastos xerais de funcionamento e transporte escolar derivadas do desenvolvemento desta iniciativa.

Durante o seu percorrido polo centro, no que estivo acompañado pola súa directora, Mª Dolores Domínguez Díaz, e polo xefe territorial de Educación na provincia; Indalecio Cabana, Vázquez Abad anunciou ademais obras de mellora neste colexio por importe de 3.000 euros. Desta forma darase resposta á demanda da súa comunidade educativa de colocación dun pasamáns de saída desde as aulas de infantil ao patio cuberto.

Reforzo e apoio

O centro compostelán desenvolverá a primeira das liñas contempladas na iniciativa de contratos-programa, a de reforzo, a orientación e o apoio, co fin de mellorar as accións que se viñan desenvolvendo ao abeiro do programa de reforzo, orientación e apoio (PROA). O contrato-programa deste colexio concentra as súas actuacións nas estratexias de comprensión lectora, técnicas de escritura creativa e técnicas de velocidade lectora, entre outras.

Cómpre destacar que cos contratos-programa permanecen as dúas liñas de acción do PROA. Este centro en concreto desenvolve a modalidade de acompañamento escolar fóra do horario lectivo, dirixido ao alumnado que presenta dificultades e problemas de aprendizaxe, así como a aquel con desvantaxe educativa polo contorno sociocultural no que se desenvolve. O obxectivo é potenciar a aprendizaxe e o rendemento deste alumnado mediante a adquisición de hábitos de organización e constancia no traballo, o alento ao estudo, a mellora da súa integración, e o fornecemento dos coñecementos e das destrezas nas áreas instrumentais.

Programas punteiros

O conselleiro explicou ademais que o CEIP Ramón Cabanillas, no que estudan 339 alumnas e alumnos, participa de programas punteiros desenvolvidos pola Consellería. De feito forma parte do Proxecto Abalar, con 2 aulas das que se benefician 29 estudantes, que contan con cadanseu ordenador ultraportátil, ademais do encerado dixital, o ordenador para o profesor e o carriño de carga que compoñen o lote, o que supuxo un investimento de 21.890 euros. Ademais no centro tense instalado 1 kit de aula dixital, composto por un ordenador portátil, un encerado dixital interactivo e un proxector, ao abeiro do acordo subscrito entre a Consellería de Educación, a Secretaría Xeral de Modernización e a entidade Red.es - dependente do Ministerio de Industria-. Neste sentido lembrou que xa se teñen repartido 626 kits en centros educativos galegos este curso, e que previsto repartir en próximas datas 156 kits máis.

Este colexio leva tamén recibidos 8.250 euros para a mellora da súa biblioteca escolar, e conta con servizo de transporte e comedor escolar, o que supón unha achega por parte da Consellería de preto de 152.400 euros para este curso.