A Xunta recoñece o traballo de 20 estudantes cos premios extraordinarios de ESO do curso 2022/23

A Consellería de Educación recoñece con estes galardóns o esforzo e dedicación do alumnado de Ensinanza Secundaria Obrigatoria cun excelente aproveitamento

Cada premiado recibe 1.000€ e un diploma acreditativo, ademais de quedar anotada esta distinción no seu expediente académico

Ven, 10/11/2023 - 15:01
e

A Xunta vén de recoñecer o traballo de 20 estudantes de centros educativos galegos cos Premios extraordinarios de ESO ao rendemento académico correspondentes ao curso 2022/2023.

O listado de premiados, a razón de oito de centros da provincia da Coruña, sete de Pontevedra, tres de Ourense e dous de Lugo, pode consultarse no Portal Educativo, que publica a resolución destes galardóns co obxectivo de dar visibilidade ao esforzo e dedicación do alumnado que cursou esta etapa educativa cun excelente aproveitamento.

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidade dota cada un destes premios cun galardón de 1000€. Ademais, cada persoa galardoada recibirá un diploma acreditativo e a distinción será anotada no seu expediente académico.

Os premios son compatibles, así mesmo, con calquera outro tipo de premios, bolsas ou axudas concedidos por algunha administración pública competente ou calquera ente público ou privado, nacional, da Unión Europea ou organismos internacionais.

Puido acceder a esta convocatoria o alumnado que cursase o pasado ano académico 4º de ESO e que obtivese no conxunto da etapa unha nota media igual ou superior a nove puntos. Os presentados deberon, así mesmo, realizar unha proba específica.