O ensino galego será o primeiro en incorporar un modelo de educación patrimonial recoñecido pola UNESCO

A Consellería de Educación e a asociación cultural Ponte... nas ondas! colaboran na implantación desta iniciativa en 20 centros nunha primeira fase

O obxectivo é contribuír, desde a escola, á salvagarda do patrimonio cultural inmaterial mediante espazos e accións para sensibilizar ás xeracións máis novas

A importancia deste modelo debaterase a próxima semana con motivo do congreso “Patrimonio inmaterial e educación. Ponte entre escola e sociedade” en Ourense

Xov, 09/11/2023 - 19:50
p

A Xunta de Galicia vaise converter na primeira comunidade autónoma do Estado en incorporar ao seu sistema educativo público o modelo internacional de educación en materia de patrimonio Ponte... nas Ondas!, recoñecido pola Unesco fai un ano.

O Consello da Xunta avaliou un informe da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades sobre a implantación deste modelo que ten como finalidade a salvagarda do patrimonio cultural inmaterial mediante a sensibilización das xeracións máis novas desde a escola con actividades culturais e pedagóxicas.

Isto converte a Galicia en pioneira en contar con centros que traballan cun modelo de boas prácticas recoñecido pola Unesco desde hai un ano, e que vai ser referencia a nivel internacional, pois non existe actualmente ningunha rede de ensino formal impulsada desde un goberno. O sistema educativo galego será, así, un exemplo en materia de sensibilización co patrimonio desde a infancia.

A incorporación desta acción ao sistema educativo farase a través dunha convocatoria aberta a todos os centros públicos que está ultimando a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades. Nesta primeira fase, con carácter experimental, poderanse adherir un total de 20 centros públicos das etapas de Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato. Os seleccionados pasarán a formar parte da Rede de centros Ponte... nas Ondas!

Escola, radio, patrimonio e lazos coa lusofonía

O modelo Ponte... nas ondas! naceu da man da Asociación Cultural e Pedagóxica que leva o seu mesmo nome no ano 1995 na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, como fórmula para favorecer o estreitamento dos lazos entre a comunidade educativa das escolas do sur de Pontevedra e do Alto Minho co ámbito da lusofonía e para tender pontes de comunicación entre galegos e portugueses. A este obxectivo, en 2002 incorporouse o compromiso para a recuperación e difusión do Patrimonio Cultural Inmaterial común para Galicia e Portugal. E o pasado ano, o XVII Comité Intergubernamental da UNESCO aprobou a súa inscrición no Rexistro de Boas Prácticas do Patrimonio Cultural Inmaterial da UNESCO como un modelo de referencia.

Agora, a Consellería de Educación, de xeito paulatino, vai incorporar este modelo ao sistema educativo público galego, a través do cal se busca reforzar a implicación dos nenos e mozos nas súas propias tradicións e crear conciencia sobre a importancia do patrimonio cultural inmaterial, a valorización do propio e garantir a transmisión ás novas xeracións ao tempo que seguir traballando en afianzar os lazos coa lusofonía e o vínculo con Portugal. Así pois, a través da participación en Ponte… nas ondas! os centros educativos contarán cunha serie de recursos e serán recoñecidos como centros Ponte... nas ondas! Modelo de boas prácticas co Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI).

Unha mostra do bo funcionamento deste modelo internacional é a celebración do 6º Congreso internacional Patrimonio inmaterial e educación. Ponte entre escola e sociedade, que se celebrará entre os días 16 e 18 de novembro en Ourense e Portugal. Esta cita, organizada pola Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte... nas Ondas! coa colaboración da Xunta de Galicia, entre outras institucións, coincide co 20 aniversario da Convención de Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI) da Unesco.

Plan Proxecta

A ampliación do modelo internacional Ponte... nas Ondas! reforza a aposta polo patrimonio no sistema educativo. Unha liña na que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades xa está traballando a través doutras iniciativas enmarcadas no Plan Proxecta, acción que fomenta o traballo cooperativo, interdisciplinar e competencial en determinados ámbitos.

No caso concreto do patrimonio, os centros materializan estas competencias a través de iniciativas como Cinema en curso, Mestres gandeiros, Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional ou Vexo, veo, Xacobeo.