A Xunta lanza unha nova edición da Guía do Sistema Universitario de Galicia

A publicación permite achegar á sociedade galega unha información precisa e completa sobre a oferta de estudos universitarios que se ofrecen na Comunidade

Organizada en dez capítulos, o obxectivo é proporcionar a máxima orientación ao alumnado que desexe acceder aos estudos universitarios

Mér, 21/06/2023 - 12:47
u

A Xunta de Galicia acaba de publicar unha nova edición da Guía do Sistema Universitario de Galicia (SUG), unha publicación elaborada a partir dunha laboriosa tarefa de análise e sistematización por parte da Secretaría Xeral de Universidades que permite achegar á sociedade galega unha información precisa e completa sobre a oferta de estudos universitarios que se ofrecen na Comunidade Autónoma.

Organizada en dez capítulos, o obxectivo desta guía é proporcionar a máxima orientación ao alumnado que desexe acceder aos estudos universitarios para que, á hora de elixir o seu futuro, coñeza o abano completo de posibilidades que se ofertan en Galicia.

O primeiro dos capítulos inclúe información sobre o Espazo Europeo de Educación Superior, os programas conxuntos que se ofertan no SUG e unha serie de conceptos básicos, mentres que o seguinte capítulo está dedicado ao mapa de titulación. A continuación, no terceiro capítulo ofrécense as titulacións de grao e mestrado, agrupadas por universidades, así como unha breve descrición do centro, rama de coñecemento e profesión regulada. A maiores, no ámbito das titulacións de máster, indícanse os mestrados habilitantes para a profesión regulada e os requisitos de acceso.

O capítulo cuarto fai unha descrición de cada unha das titulacións na que se recolle información sobre o centro, modalidade de estudo, prezo, perfil de ingreso, saídas profesionais ou as materias que conforman o seu plan de estudos. Pola súa banda, o proceso de admisión e matrícula queda recollido no quinto e sexto apartado.

Nos últimos capítulos, a guía relaciona as diferentes liñas de acción de apoio económico ofertadas polas administracións autonómica, estatal e universitaria; afonda nas diferentes modalidades de aloxamento ao que pode acceder o alumnado universitario, e ofrécese un completo directorio e listado coas normas estatais e autonómicas en materia de universidades.