Un total de 1.200 alumnos desde 6º de Primaria a 4º de ESO poderán mellorar as súas competencias en inglés na ‘Digitalweek’ o vindeiro outono

As estadías organizadas pola Xunta desenvolveranse nun centro residencial en Galicia en quendas dunha semana de duración

Cada centro poderá participar cun máximo de 25 alumnos do mesmo nivel educativo

A actividade é totalmente gratuíta para as familias

Mér, 24/05/2023 - 14:05
ew

Un total de 1.200 alumnos desde 6º de Primaria a 4º de ESO poderán mellorar a súas competencias en inglés o vindeiro outono participando na iniciativa Digitalweek organizada pola Xunta de Galicia. O Portal Educativo publica a convocatoria deste programa de estadías lingüísticas, que se desenvolverá durante o primeiro trimestre do curso escolar 2023/24 nun centro residencial situado en Galicia en quendas dunha semana (desde o domingo pola tarde ata o sábado seguinte pola mañá).

O obxectivo é a práctica do idioma e a súa utilización en diferentes contextos para mellorar a comunicación oral a través de actividades dixitais, co apoio de profesorado nativo en lingua inglesa.

Así mesmo, o alumnado participante contará con actividades formativas non só académicas, senón tamén que fomenten a actividade física, a socialización e o coñecemento cultural e tecnolóxico cunha metodoloxía adecuada á súa etapa educativa. A metodoloxía será activa, lúdica e cooperativa, incidindo na educación en valores democráticos e nos aspectos relacionados coa sustentabilidade e coñecemento da contorna.

De balde para as familias

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 25 de xuño e os centros interesados realizarana a través da aplicación de Programa Educativos. Cada centro poderá solicitar participar cun máximo de 25 alumnos do mesmo nivel educativo. O grupo irá acompañado dun docente cun coñecemento da lingua inglesa acorde e responsabilizarase da adecuada participación do seu grupo.

A actividade, á que a Consellería destina unha inversión de 597.00€ e que é totalmente de balde para as familias, organizarase nas seguintes quendas:

QUENDA

DATAS

CURSO

ALUMNADO

 

1ª quenda

1 – 7 outubro

6º de Primaria

125

 

2ª quenda

8 – 14 outubro

6º de Primaria

125

 

3ª quenda

15 – 21 outubro

6º de Primaria

125

 

4ª quenda

22 - 28 outubro 

6º de Primaria

125

 

5ª quenda

29 outubro – 4 novembro

1º de ESO

125

 

6ª quenda

5 – 11 novembro

1º de ESO

125

 

7ª quenda

12 – 18 novembro

2º de ESO

125

 

8ª quenda

19 – 25 novembro

3º de ESO

125

 

9ª quenda

26 novembro – 2 decembro

4º de ESO

100

 

10ª quenda

10 – 16 decembro

4º de ESO

100

 

TOTAL ALUMNADO

1.200

 

Esta acción enmárcase tanto na Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras 2030 (Edulingüe), como na Estratexia Galega de Educación Dixital 2030 (Edudixital), dado que a aprendizaxe do alumnado realizarase a través de actividades do ámbito dixital.