A primeira feira de Ensinanzas artísticas, de idiomas e deportivas en Galicia abrirá o xoves no Gaiás

InnovArt celebrarase o 13 e o 14 de abril no Museo da Cidade da Cultura e ofrecerá máis de 200 actividades diarias para exhibir o potencial académico destas ensinanzas e ofrecer asesoramento aos estudantes

No ámbito das ensinanzas artísticas estarán representados a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, as catro escolas de arte e superiores de deseño, a Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, o Conservatorio Profesional de Danza de Lugo e nove conservatorios de música

A feira tamén contará coa participación de catro escolas oficiais de idiomas e tres centros de ensinanzas deportivas da Consellería de Educación

Dom, 09/04/2023 - 10:00
f

A primeira feira de Ensinanzas Artísticas en Galicia, InnovArt, abrirá as súas portas na Cidade da Cultura os vindeiros días 13 e 14. Trátase dunha iniciativa para fomentar entre o alumnado as ensinanzas artísticas, de idiomas e deportivas que se ofrecen en Galicia coa exposición de material e actividades interactivas como obradoiros, concertos de música ao vivo e conferencias.

A cita contará cunha vintena de espazos nos que 550 alumnos de 23 centros da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, e case 200 profesores exhibirán o seu potencial académico ao tempo que ofrecen asesoramento aos futuros estudantes. Ademais de organizar actividades para os centros xa inscritos, InnovArt estará aberta con entrada gratuíta para o público en xeral no horario de tarde durante os dous días.

No recinto estarán representados no ámbito das ensinanzas artísticas a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia en Vigo, as catro escolas de arte e superiores de deseño (a Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso da Coruña, a Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón de Lugo, a Escola de Arte e Superior de Deseño Antonio Faílde de Ourense e a Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo de Santiago de Compostela) a Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia de Pontevedra e o Conservatorio Profesional de Danza de Lugo.

Ademais, tamén estarán presentes os sete conservatorios profesionais de música (Conservatorio Profesional de Música da Coruña, Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño de Ferrol, Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes de Lugo, Conservatorio Profesional de Música de Ourense, Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga de Pontevedra, Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela e Conservatorio Profesional de Música de Vigo) e os dous conservatorios superiores de música: o Conservatorio Superior de Música da Coruña e o Conservatorio Superior de Música de Vigo.

A feira tamén contará coa participación de catro escolas oficiais de idiomas: EOI da Coruña, EOI de Lugo, EOI de Santiago de Compostela e EOI de Vigo. No campo das ensinanzas deportivas, participarán nesta cita tres centros con ensinanzas deportivas da Consellería de Educación: CIFP Universidade Laboral (Culleredo), CIFP A Farixa (Ourense) e CIFP Fontecarmoa (Vilagarcía de Arousa).

Programa das xornadas

No seu conxunto, InnovArt 2023: artísticas, idiomas e deportivas ofrecerá máis de 200 actividades diarias entre obradoiros interactivos, sets de fotografía, talleres de animación, actuacións de danza, concertos, formacións e actividades deportivas.

A programación, que pode consultarse no Portal Educativo, arrancará o xoves día 13 cunha vintena de actividades simultáneas e estenderase ata o venres 14, cando a feira pechará as súas portas ás 19,00 horas.