A compañía Talía ocupa dúas semanas o Salón Teatro con 11 funcións escolares e xerais dos seus dous últimos espectáculos

Ás funcións, apoiadas pola Consellería de Cultura e Educación e concertadas cos centros de ensino, asistirán máis de 1.700 estudantes de bacharelato de 28 institutos de toda Galicia

“Pelos na lingua” é unha comedia sobre os usos e abusos do galego, que conta con dirección de Avelino González e interpretación a cargo de Toño Casais, Artur Trillo e María Ordóñez

O venres 3 e o sábado 4, ás 20.30 horas, porase en escena “Volpone”, o texto de Ben Jonson con dirección e dramaturxia de Roberto Salgueiro que retrata satiricamente a obsesión humana por acumular riquezas e poder

Xov, 26/01/2012 - 13:30
A compañía Talía ocupa dúas semanas o Salón Teatro con 11 funcións escolares e x
A compañía Talía ocupa dúas semanas o Salón Teatro con 11 funcións escolares e xerais dos seus dous últimos espectáculos

A compañía Talía Teatro, a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, instalarase durante dúas semanas no Salón Teatro de Santiago para ofrecer 11 funcións de dous dos seus últimos espectáculos. Así, do 28 de xaneiro ao 2 de febreiro o grupo de Cee representará Pelos na lingua, unha comedia que fala dos usos e abusos que sofre o idioma galego, en tanto que o venres 3 e o sábado 4 escenificará Volpone. Ou comedia de Mosca, unha fábula que xira arredor da avaricia e da luxuria humanas.

Pelos na lingua podería considerarse a segunda parte de Bicos con lingua, anterior montaxe de Talía sobre o mesmo tema, aínda que non se trata dunha continuación da liña argumental porque se parte dun enfoque distinto. Cunha estrutura de sketches, e sen deixar de lado a ironía e o humor que caracteriza aos seus espectáculos, o grupo decidiu afrontar esta última produción coa dirección de novo de Avelino González e a interpretación de Toño Casais, Artur Trillo e María Ordóñez, quen desta volta se suma ao equipo actoral.

Distintos autores e autoras galegas participaron na creación deste espectáculo, que tamén conta coa colaboración de Carlos Alonso na escenografía e no vestiario; e de Dani Trillo, na iluminación e na composición da música orixinal.

O escenario do Centro Dramático Galego (CDG) desenvolverá un total de nove funcións desta reflexión sobre a situación da nosa lingua na sociedade actual: dúas para o público xeral, que terán lugar o sábado 28 ás 20.30 horas e domingo 29 ás 18.00 horas; e sete para estudantes de bacharelato, concretamente dous pases matinais (ás 10.30 e ás 12.30 horas) o luns 30, o martes 31 e o xoves 2, e un só pase (ás 11.30 horas), o mércores 1. Ata o momento, teñen confirmada a súa asistencia un total de 1.710 alumnos procedentes de 28 centros de ensino de Laracha, Culleredo, Curtis, Cee, Santiago, Noia, Coristanco, Vigo, Lugo, Cuntis, Bueu, Melide, Marín, Arzúa, Ordes, A Estrada, Ribadumia, Caldas, Vilagarcía, Celanova e Lousame.

Sátira da debilidade humana

A presenza de Talía no Salón Teatro non rematará con Pelos na lingua, xa que o venres 3 e o sábado 4 de febreiro, ás 20.30 horas, a compañía que dirixe Artur Trillo porá en escena Volpone. Ou comedia de Mosca. A obra máis famosa e representada do autor inglés Ben Jonson constitúe unha mordaz sátira da debilidade humana e de ata onde nos fan chegar as ansias por acumular beneficios e poder.

Artur Trillo, Toño Casais, María Ordóñez, Dani Trillo, Marta Ríos, Diego Rey, Gustavo G. Dieste, David Creus e Rubén Prieto interpretan este espectáculo que conta coa dramaturxia e dirección de Roberto Salgueiro.

Cun vestiario colorista que contrasta coa neutralidade dunha escenografía chea de sorpresas, esta fábula cóntanos a historia do rico ancián Volpone e as loitas dos que o rodean para facerse coa súa herdanza. Todos eles, Corvino, Corbaccio, Voltore e a Viúva, créndose os seus herdeiros, agardan ansiosos a morte do vello, pero esta tarda en chegar. O propio Volpone coa axuda do seu criado Mosca tece todo tipo de artimañas para enganar á súa vez aos que cre estafadores.

A montaxe, non recomendada para menores de 13 anos, incide continuamente nas ansias de poder do ser humano e as súas consecuencias, así como na obsesión por acumular riquezas e propiedades, obsesión da que nesta versión de Roberto Salgueiro non escapa nin o Estado.

Venda de entradas

As entradas para asistir a estas representacións de Pelos na lingua e Volpone poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo de cada función. Tamén se poden adquirir por adiantado na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web http://entradas.novagaliciabanco.es. O prezo das localidades é de 10 euros para as funcións do venres e do sábado (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven, desempregados e determinados colectivos profesionais) e de 5 euros para o domingo, día do espectador.

Menús News node R