Convocatoria dos premios a curtas de animación en galego Nós tamén creamos!

Ven, 25/11/2022 - 11:53

Resolución da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa pola que se aproban as bases e se convocan os premios a curtas de animación en galego elaboradas no marco do programa Nós tamén creamos! para o curso académico 2022/2023

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades convocan os premios a curtas de animación en galego elaboradas no marco do programa Nós tamén creamos! para o curso académico 2022/2023.

Premios:

Establécense tres categorías, con cadanseu premio:

  • Categoría 1: destinada a curtas realizadas con alumnado do segundo ciclo de educación infantil
  • Categoría 2: destinada a curtas realizadas con alumnado de primeiro e segundo de educación primaria
  • Categoría 3: destinada a curtas realizadas con alumnado de terceiro e cuarto de educación primaria

Ademais, poderá concederse, a xuízo da Comisión de Selección, un accésit para cada categoría.

O profesorado participante nas curtas premiadas recibirá unha certificación de Primeiro Premio de Innovación Educativa para cada unha das categorías, cunha equivalencia de 30 horas de formación permanente do profesorado para a persoa coordinadora e de 20 horas para o profesorado participante. De ser o caso, o profesorado que participe nas curtas recoñecidas cun accésit recibirá unha certificación de accésit.

Os colexios recibirán, ademais dun lote de libros, un contrasinal de acceso á Plataforma OQO de contidos dixitais en galego durante o curso 2022-2023, para poder acceder aos álbums ilustrados sen necesidade de manipulalos, de ser preciso.

Os centros públicos admitidos no programa Nós tamén creamos! No marco do Plan Proxecta+ quedarán inscritos de oficio no certame. Para os demais centros de titularidade pública, o prazo de presentación das solicitudes a través da sede electrónica da Xunta de Galicia rematará o día 1 de febreiro de 2023. A data límite de envío das curtametraxes será o 30 de maio de 2022.