A Xunta pon en valor os programas educativos do instituto de Brión a través da súa biblioteca escolar, na que investiu 50.000 € en equipamento e melloras

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, visita as recén remodeladas e ampliadas instalacións deste espazo de lectura

Xov, 17/11/2022 - 16:24
b

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, visitou esta mañá o instituto IES de Brión para comprobar de primeira man a renovación levada a cabo na súa biblioteca escolar por parte da Xunta de Galicia.

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades acaba de investir un total de 55.000 euros para o acondicionamento e equipamento deste espazo educativo, a meirande parte da contía (40.000€) destinadas a equipamento e mobiliario, 10.000 euros para gastos de funcionamento e 5.000 euros para fondos bibliográficos.

Segundo a directora xeral, esta actuación contribuirá a “afianzar a brillante traxectoria” desta biblioteca escolar que participa na meirande parte dos programas da consellería en materia de bibliotecas. De feito, desde hai máis dunha década o IES de Brión forma parte do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (Plambe), tamén no programa de Clubs de lectura con moito éxito de acollida por parte do alumnado, e está integrado nos de Radio na Biblio e de Voluntariado.

Así mesmo, avalados pola súa traxectoria e bo facer no eido das bibliotecas, foron convidados a participar no Programa de Lectura, Información e Aprendizaxe LIA.3 co obxectivo de avanzar nun modelo de biblioteca escolar deseñada como laboratorio creativo de aprendizaxes aberto a toda a comunidade escolar.

No que atinxe á obra, o centro incorporou á biblioteca un espazo anexo que houbo que acondicionar e illar. Así mesmo, levouse a cabo unha renovación do equipamento tanto no que se refire a andeis e mobiliario como a equipamento técnico, que se dotou de novos recursos audiovisuais. Ademais, adquiríronse novos fondos para completar a colección, sobre todo en áreas como a informática, xogos didácticos e material complementario.