A Xunta pon en marcha o novo programa de estadías lingüísticas ‘Spring Week’ con 1.575 prazas

O obxectivo é estimular a práctica oral do alumnado de 6º de Primaria a 4º de ESO en lingua inglesa, co apoio de profesorado nativo, e fomentar a convivencia

O programa desenvolverase na primavera, do 16 de abril ao 17 de xuño nun centro residencial en Galicia, en réxime de internado de domingo a sábado

Os centros poderá solicitar participar na iniciativa ata o 17 de outubro

Trátase dunha das accións previstas na Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras 2030

Dom, 02/10/2022 - 10:00
p

A Xunta de Galicia vén de convocar o novo programa de estadías lingüísticas Spring Week, que se desenvolverá entre o 16 de abril e o 17 de xuño de 2023. A iniciativa vai dirixida a centros docentes públicos, nos que se impartan ensinanzas de 6º curso de Educación Primaria ou de ESO e poderán participar un total de 1.575 alumnos.

O programa desenvolverase nun centro residencial situado en Galicia en réxime de internado e ten como obxectivo a estimulación da práctica oral da lingua inglesa e a súa utilización en contextos comunicativos máis amplos que os que permite a contorna escolar.

Durante a estadía, que se realizará en quendas semanais de domingo pola tarde ata o sábado seguinte pola mañá, o alumnado contará co apoio de profesorado nativo en lingua inglesa. As actividades fomentarán a convivencia e xirarán arredor de temáticas de interese cultural, social, artístico e medioambiental.

A metodoloxía será activa, lúdica e cooperativa e promoverá aprendizaxes significativas por parte do alumnado, incidindo na educación en valores democráticos e nos aspectos relacionados coa sostibilidade e o coñecemento da contorna (enerxías renovables, produción e consumo responsable, cidades sostibles, acción polo clima...), segundo se recolle nos obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2030.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 17 de outubro, incluído. Os centros interesados poderán realizar os trámites a través da aplicación informática habilitada para tal fin. A distribución de prazas por quendas é a que se relaciona no seguinte cadro:

 

QUENDA

DATAS

CURSO

ALUMNADO

1ª quenda

do 16 ao 22 de abril

4º de ESO

175

2ª quenda

do 23 ao 29 de abril

3º de ESO

175

3ª quenda

do 30 de abril ao 6 de maio

3º de ESO

175

4ª quenda

do 7 ao 13 de maio

2º de ESO

175

5ª quenda

do 14 ao 20 de maio

2º de ESO

175

6ª quenda

do 21 ao 27 de maio

1º de ESO

175

7ª quenda

do 28 de maio ao 3 de xuño

1º de ESO

175

8ª quenda

do 4 ao 10 de xuño

6º EP

175

9ª quenda

do 11 ao 17 de xuño

6º EP

175

TOTAL

1.575

 

Este novo programa enmárcase na Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras 2030. Dotada con 83M€ ata 2025, esta liña de acción prioritaria da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades busca consolidar os programas de éxito desenvolvidos na última década e incorpora novas accións para maior especialización en idiomas.