A Xunta pon en marcha o novo programa de estadías lingüísticas ‘Spring Week’ con 1.575 prazas [1]
O obxectivo é estimular a práctica oral do alumnado de 6º de Primaria a 4º de ESO en lingua inglesa, co apoio de profesorado nativo, e fomentar a convivencia
O programa desenvolverase na primavera, do 16 de abril ao 17 de xuño nun centro residencial en Galicia, en réxime de internado de domingo a sábado
Os centros poderá solicitar participar na iniciativa ata o 17 de outubro
Trátase dunha das accións previstas na Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras 2030

A Xunta de Galicia vén de convocar o novo programa de estadías lingüísticas Spring Week [2], que se desenvolverá entre o 16 de abril e o 17 de xuño de 2023. A iniciativa vai dirixida a centros docentes públicos, nos que se impartan ensinanzas de 6º curso de Educación Primaria ou de ESO e poderán participar un total de 1.575 alumnos.
O programa desenvolverase nun centro residencial situado en Galicia en réxime de internado e ten como obxectivo a estimulación da práctica oral da lingua inglesa e a súa utilización en contextos comunicativos máis amplos que os que permite a contorna escolar.
Durante a estadía, que se realizará en quendas semanais de domingo pola tarde ata o sábado seguinte pola mañá, o alumnado contará co apoio de profesorado nativo en lingua inglesa. As actividades fomentarán a convivencia e xirarán arredor de temáticas de interese cultural, social, artístico e medioambiental.
A metodoloxía será activa, lúdica e cooperativa e promoverá aprendizaxes significativas por parte do alumnado, incidindo na educación en valores democráticos e nos aspectos relacionados coa sostibilidade e o coñecemento da contorna (enerxías renovables, produción e consumo responsable, cidades sostibles, acción polo clima...), segundo se recolle nos obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2030.
O prazo de presentación de solicitudes remata o 17 de outubro, incluído. Os centros interesados poderán realizar os trámites a través da aplicación informática [3] habilitada para tal fin. A distribución de prazas por quendas é a que se relaciona no seguinte cadro:
QUENDA |
DATAS |
CURSO |
ALUMNADO |
1ª quenda |
do 16 ao 22 de abril |
4º de ESO |
175 |
2ª quenda |
do 23 ao 29 de abril |
3º de ESO |
175 |
3ª quenda |
do 30 de abril ao 6 de maio |
3º de ESO |
175 |
4ª quenda |
do 7 ao 13 de maio |
2º de ESO |
175 |
5ª quenda |
do 14 ao 20 de maio |
2º de ESO |
175 |
6ª quenda |
do 21 ao 27 de maio |
1º de ESO |
175 |
7ª quenda |
do 28 de maio ao 3 de xuño |
1º de ESO |
175 |
8ª quenda |
do 4 ao 10 de xuño |
6º EP |
175 |
9ª quenda |
do 11 ao 17 de xuño |
6º EP |
175 |
TOTAL |
1.575 |
Este novo programa enmárcase na Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras 2030. Dotada con 83M€ ata 2025, esta liña de acción prioritaria da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades busca consolidar os programas de éxito desenvolvidos na última década e incorpora novas accións para maior especialización en idiomas.