A Consellería de Cultura e Educación convoca 9.555 prazas para o procedemento de acreditación de competencias

O número de prazas desta convocatoria, a terceira consecutiva, triplica a oferta anterior

Desta forma dáse resposta á demanda cidadá deste proceso de recoñecemento para facilitar o acceso ao mercado laboral e favorecer a mobilidade dos traballadores

A acreditación desenvolvida pola Xunta conta cunha oferta máis ampla de unidades de competencia

Lun, 09/01/2012 - 15:00
A Consellería de Cultura e Educación convoca 9.555 prazas para o procedemento de
A Consellería de Cultura e Educación convoca 9.555 prazas para o procedemento de acreditación de competencias

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convoca 9.555 prazas para o novo proceso de avaliación, recoñecemento e acreditación de competencias profesionais a través da experiencia laboral ou de formación non formal, que se desenvolverá nos vindeiros meses nos Centros Integrados de Formación Profesional (CIFP) dependentes do departamento educativo da Xunta de Galicia. A convocatoria pode consultarse no Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe, 9 de xaneiro.

Tratase da terceira convocatoria consecutiva de acreditación de competencias da Consellería de Cultura e Educación. Cómpre sinalar que nesta ocasión o número de prazas triplica á oferta da anterior convocatoria.

Desta forma dáse continuidade aos procedementos que vén desenvolvendo Cultura e Educación ao longo da presente lexislatura, e que acadaron un gran éxito entre a cidadanía galega. De feito, na convocatoria que se está a desenvolver no momento actual recibíronse máis de 7.300 solicitudes para algunha das 3.200 prazas ofertadas. Para a anterior convocatoria, para 1.600 prazas de diferentes familias profesionais, recibíronse un total de 3.283 solicitudes

Novas especialidades

O procedemento de acreditación desenvolvido pola Consellería conta cunha oferta máis ampla de unidades de competencia, dando resposta a diferentes sectores.

Neste sentido a nova convocatoria amplía as especialidades nas que se convocan prazas, atendendo aos sectores profesionais de maior interese para a economía de Galicia. Entre as novidades, haberá prazas en unidades de competencia, dirixidas a aqueles traballadores e traballadoras con experiencia laboral nos sectores produtivos da confección e moda, fabricación mecánica, xestión de aloxamentos turísticos, enerxía e eficiencia enerxética, laboratorio de análise clínica e control de calidade, carpintería e moble e fabricación e montaxe de tubaxe industrial, entre outros.

Deste xeito dáse resposta á demanda manifesta de diferentes colectivos que necesitan acadar unha certificación oficial da súa cualificación para o desempeño das súas actividades profesionais ou acceder á mobilidade na súa profesión e precisan contar coa acreditación das súas competencias profesionais, o que resulta de especial importancia no contexto económico e coas actuais taxas de desemprego.

Cómpre lembrar ademais que a Consellería conta cunha ampla experiencia no procedemento de acreditación. De feito, desde a súa participación no proxecto ERA (Evaluación, Recoñecemento e Acreditación) no ano 2003, vén realizando diferentes convocatorias para a acreditación das competencias profesionais adquiridas pola experiencia laboral.

Máis información