Román Rodríguez anuncia un sistema integrado de FP con plans territoriais e sectoriais e o reforzo do profesorado o próximo curso

Explica que un dos obxectivos é “unha mellor atención á demanda produtiva de cada zona para contribuír ao desenvolvemento económico e axudar a fixar poboación”

Sinala que o incremento da oferta está tendo “unha boa acollida”, o que suporá a creación de novos grupos á espera dos datos definitivos de matrícula

Avanza “unha nova etapa” ao abeiro da Estratexia de FP 2030 logo dunha década na que se acadaron os niveis máis altos de “prestixio, confianza e utilidade”

Mar, 12/07/2022 - 13:00

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, anuncia “unha nova etapa” nas ensinanzas de Formación Profesional en Galicia enfocada aos desafíos educativos e de inserción laboral na que se vai implementar un Sistema Integrado de FP con novos instrumentos de planificación e de xestión así como con reforzo do profesorado o vindeiro curso.

Así o explicou esta mañá o titular de Educación do Goberno galego no Parlamento, onde compareceu a petición propia para debullar a folla de ruta da FP para os vindeiros anos ao tempo que fixo balance do realizado na última década para situar estas ensinanzas nos niveis máis altos de “prestixio, confianza, oportunidades e utilidade”.

Ao abeiro da Estratexia de FP 2030, a Xunta está xa traballando para avanzar nun Sistema Integrado de Formación Profesional de Galicia onde se impulsará a dixitalización e a innovación e se prestará especial atención á formación permanente. A este respecto, Román Rodríguez avanzou a decisión de “actuar sobre as cualificacións e estándares profesionais ao longo da vida e sobre os estándares que precise o noso sector produtivo”.

Planificación territorial e sectorial

A maiores vanse establecer novos instrumentos de planificación e de xestión para ensamblar todas as accións de FP tendo en conta a implantación territorial e o carácter sectorial ou de especialización destes ciclos formativos. Así, de maneira gradual,  deseñaranse Plans Territoriais de FP con alto impacto no territorio e nos concellos coa participación dos axentes sociais e institucionais.

 “O que perseguimos -especificou- é que os procesos formativos acaden un ámbito comarcal e atendan mellor a demanda produtiva de cada zona, co reto de contribuír ao desenvolvemento económico e axudar a fixar poboación”. “E para ilo, hai que camiñar a unha formación máis práctica, máis flexible e con máis participación das empresas”, concluíu.

Nesta liña, tal e como contempla xa a Estratexia de FP 2030, a Xunta vai poñer o foco na formación adaptada ás persoas e ao sistema educativo co impulso da FP Dual, os másteres e os dobres graos; na acreditación de competencias; na innovación e a dixitalización; no emprendemento, con iniciativas de colaboración co tecido produtivo; na internacionalización e no impulso e ampliación da rede de centros de excelencia, como o novo Centro Galego de Innovación da FP, radicado en Ourense.

Reforzo da oferta

Galicia rematou o curso 2021/22 cunha cifra récord de preto de 60.000 alumnos matriculados nos 162 títulos das 23 familias profesionais que se imparten en máis de 200 centros públicos. A oferta para o próximo curso 2022/23 acada 37.588 novas prazas en primeiro curso (1.704 máis), un incremento do 26% na oferta de másteres e 120 proxectos novos de FP Dual grazas á implicación do tecido empresarial.

O conselleiro avanzou que este incremento da oferta está tendo “unha acollida satisfactoria en canto a número de solicitudes recibidas, sobre todo no caso dos graos superiores e a modalidade dual”, polo que vai levar aparellado un reforzo de profesorado para atender aos novos grupos de clase que se conformen a partir de setembro. Non obstante, as cifras exactas concretaranse unha vez que se dispoñan de datos pechados de matrícula definitiva.

Finalmente, Román Rodríguez reafirmou o compromiso do Goberno galego para seguir sendo “unha referencia de prestixio” da Formación Profesional a nivel estatal “a que “agora parece que se quere sumar o Goberno central”, a quen criticou por non ter concretado aínda coas comunidades o calendario de implantación e desenvolvemento da nova normativa de FP que non responde ás demandas actuais destas ensinanzas.