Título node Learning object

Especialista do EOE en audición e linguaxe
Lun, 19/12/2011 - 09:09
Audición e Linguaxe - EOE

Tal como se recolle no Decreto 120/1988 do 23 de abril, a especialidade de audición e linguaxe constitúe unha das dimensións profesionais dos equipos de orientación específicos. Ten como finalidade colaborar coa comunidade educativa na prevención, detección, avaliación e tratamento das alteracións relacionadas coa linguaxe. Na súa actuación, segundo se establece na Orde do 24 de xuño do 1998, daráselle prioridade á atención a aqueles centros de  infantil e primaria que non conten con este especialista.

En xeral, cando falamos das alteracións da linguaxe referímonos a un  trastorno na adquisición, comprensión ou expresión da linguaxe falada ou escrita. O trastorno pode implicar a todos ou só a algúns dos seus compoñentes: fonolóxicos, semánticos, morfosintácticos ou pragmáticos.

En canto á dicotomía fala/linguaxe, poderiamos dicir que, cando falamos de alteracións da fala, referímonos á emisión da linguaxe, xa sexa na articulación, na fluidez ou incluso no timbre, ton ou intensidade da voz. Cando falamos de alteracións da linguaxe referímonos á fonoloxía, á semántica e á morfosintaxe; é dicir, á integración lingüística, aínda cando a articulación, ritmo e fluidez da fala sexan normais.