Román Rodríguez sinala o recoñecemento de máster de excelencia como unha iniciativa pioneira en España para potenciar a calidade das universidades galegas

Reciben o recoñecemento os másteres en Bioinformática para Ciencias da Saúde (UDC), en Tradución para a Comunicación Internacional da (UVigo) e en Biotecnoloxía Avanzada (que se imparte conxuntamente entre a UDC e a UVigo)

O conselleiro enmarca esta mención nas diferentes iniciativas impulsadas desde a Xunta para impulsar a excelencia das ensinanzas universitarias en Galicia

Lun, 25/10/2021 - 18:53
u

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, sinalou hoxe o recoñecemento de Máster de Excelencia como “unha iniciativa pioneira en España e creada hai tan só un ano para potenciar a calidade das nosas universidades”. Fíxoo na entrega desta mención ás tres novas titulacións que a acadaron nesa edición, en concreto os másteres en Bioinformática para Ciencias da Saúde da Universidade da Coruña, en Tradución para a Comunicación Internacional da Universidade de Vigo e en Biotecnoloxía Avanzada, que se imparte conxuntamente entre a UDC e a UVigo.

O representante da Xunta de Galicia felicitou ás tres universidades galegas polas elevadas puntuacións que os másteres recoñecidos acadaron en todos os aspectos valorados, “o que indica que se trata de titulacións completas e de alta calidade”. “Este selo de excelencia que vimos de entregar favorecerá a competitividade destas titulacións, acreditando o seu elevado nivel académico e a solvencia científico técnica dos estudos”, incidiu.

Román Rodríguez enmarcou a creación desta distinción, no ano 2019, nas diferentes iniciativas impulsadas desde a Xunta de Galicia “para fomentar a excelencia, a calidade e a adaptación da oferta formativa ás demandas do conxunto da sociedade”. Neste sentido recordou a elaboración do Estudo Galicia 2030: perfís profesionais de futuro, que “identifica 15 novos másteres e, xunto coa impartición de 10 novos graos, permitirán pechar o actual Mapa de Titulacións”, así como a subscrición dun acordo entre as tres universidades para impulsar unha titulación tan demandada como o grao e o máster de Intelixencia Artificial a partir de 2022.

No referido á especialización dos campus, explicou que desde 2013 se están a impulsar os campus non centrais outorgándolle un enfoque estratéxico para poñer en valor as súas potencialidades. “Esta iniciativa propiciou acreditar xa o Campus Industrial de Ferrol e o Campus Terra de Lugo”, dixo o conselleiro.

“Seguimos avanzando e traballando xuntos para acadar unha oferta académica máis completa, especializada e de excelencia, que dea resposta ás demandas da sociedade galega e que facilite a empregabilidade dos egresados”, destacou Román Rodríguez. “Iniciativas como estas mencións de excelencia sérvenos para mellorar e avanzar cara a un sistema competitivo, único e centrado na calidade”, rematou.

Seis mencións de excelencia

A Xunta de Galicia outorgou este ano a mención de excelencia a tres novos másteres universitarios, polo que xa son seis as titulacións que acadan este selo de calidade nas tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG). O ano pasado acadárona os máster en Bioloxía Molecular, Celular e Xenética (UDC), o Máster Universitario en Enxeñería Informática (UDC) e o Máster Universitario en Enxeñería Ambiental (USC).

A mención de Máster Universitario Excelente da Xunta de Galicia acredita o nivel académico e a solvencia científico-técnica dos estudos que acadan este recoñecemento e supón unha garantía de futuro para os estudantes. Ademais, a obtención deste selo, que ten unha vixencia de cinco anos, permite ás titulacións seleccionadas participar do apoio económico contemplado nas accións de mellora da calidade do Plan Galego de Financiamento Universitario que, para este ano, prevé unha achega de 20.000 euros por cada unha delas.

Para a concesión do selo tivéronse en conta os criterios de avaliación establecidos, que inclúen aspectos xerais do máster como a taxa de ocupación, entidades públicas e privadas que colaboren directamente co máster, procedemento de selección do alumnado, porcentaxe de alumnado estranxeiro e a existencia de titorización e mentorización individuais.

Outros aspectos que se tiveron en conta foi os resultados do máster (enquisas de satisfacción, seguimento dos egresados no mercado laboral...), a estratexia (visión, misión e desenvolvemento futuro do máster), o plan de xestión para os cinco próximos anos académicos e as melloras previstas en caso de obter esta mención, o plan de estudos (porcentaxe de prácticas no plan de estudos, créditos dedicados a prácticas obrigatorias en empresas, emprego de metodoloxías docentes innovadoras), o profesorado ou as estratexias de emprendemento.