Román Rodríguez destaca a calidade das ensinanzas artísticas en Galicia como canteira de grandes profesionais da cultura galega

Pon de manifesto que a actual fortaleza do sector deriva dun sistema educativo que favorece a profesionalización e inserción laboral neste eido

Sinala que Galicia ten o modelo de educación artística máis accesible, coas taxas máis baixas de todo o país e conta con preto de 10.500 alumnos

Aplaude o modelo do Conservatorio Superior de Música de Vigo, que acadou dous premios do Servizo Español para a Internacionalización da Educación ás boas prácticas en mobilidade

Xov, 16/09/2021 - 15:33
c

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, participou hoxe no acto de apertura do Congreso Internacional de Coordinadores da Asociación Europea de Conservatorios (AEC), que se celebra no Conservatorio Superior de Música de Vigo, e ao que tamén asistiu a delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias. Na súa intervención, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia aplaudiu a calidade das ensinanzas artísticas que se imparten na nosa comunidade e destacou a súa importancia para crear unha canteira de grandes profesionais da cultura galega.

Román Rodríguez destacou que Galicia “é unha das potencias culturais máis importantes do país, pola calidade e talento do seu tecido produtivo e pola diversidade da súa oferta, e somos un territorio cunha longa tradición creativa en todos os sectores”. “Contamos cunha das redes culturais máis poderosas –engadiu–, e esta fortaleza deriva dun sistema educativo que favorece a profesionalización e a inserción laboral dos nosos estudantes. Desta forma, o ecosistema cultural galego atopa na ensinanza artística un presente, pero tamén un futuro”.

A este respecto, o conselleiro sinalou ademais que a Comunidade galega conta co modelo de educación artística máis accesible, coas taxas máis baixas de todo o país, e con preto de 10.500 alumnos, dos que case o 30% son de ensinanzas artísticas superiores.

No caso do Conservatorio Superior de Música de Vigo, Román Rodríguez gabou a pegada internacional que ten acadado pola calidade das súas ensinanzas e porque se ten convertido “nun centro pioneiro a nivel de Estado pola súa aposta decidida pola mobilidade, con 163 desprazamentos de persoal e alumnado no ano previo á pandemia”.

Neste sentido, explicou que os desprazamentos estudantís son “dinamizadores do coñecemento, da especialización técnica e da propia identidade europea”. “As pontes académicas abertas para permitir o traslado de estudantes e a transferencia de coñecementos –engadiu– son un avance máis na fraternidade e nas marcas compartidas”.

Como afirmou, o modelo do Conservatorio Superior de Música de Vigo, que acadou dous premios do Servizo Español para a Internacionalización da Educación ás boas prácticas en mobilidade, e explicou que a Xunta de Galicia mantén liñas de axudas específicas para que o alumnado poida realizar parte dos seus estudos en países estranxeiros.

En concreto, destínanse 40.000€ ás axudas complementarias no marco do programa comunitario de mobilidade Erasmus+, destinadas ao alumnado que cursa ensinanzas artísticas superiores en centros públicos de Galicia. Así mesmo apóiase a mobilidade do estudantado e persoal da Formación Profesional e dos estudantes do Sistema Universitario (SUG).

Asociación Europea de Conservatorios

A Asociación Europea de Conservatorios (AEC) é a maior asociación de Europa de centros superiores de Música, que acolle tamén centros dos EEUU, Canadá ou Asia. Entre as reunións anuais que convoca a asociación, unha das máis significativas é a de coordinadores, que reúne nesta edición a arredor de 230 –150 delas en modalidade virtual– persoas que forman parte do programa da UE Erasmus+ ou similares en países que non son pertencentes a UE, pero que si forman parte dos programas de intercambio.

O Conservatorio Superior de Música de Vigo forma parte da AEC desde o ano 2010, cun crecemento progresivo que fixo que lle fose concedida a organización deste encontro para o pasado 2020, edición que se adiou ata este ano, de xeito presencial e virtual.