O Congreso Bibliotecas Escolares afonda nas oportunidades que supoñen as novas tecnoloxías para estes espazos

O encontro reúne en Santiago de Compostela a máis de 500 expertos

As potencialidades da web 2.0 e da cultura dixital centran os debates da súa segunda xornada

Ven, 11/11/2011 - 11:47
O Congreso Bibliotecas Escolares afonda nas oportunidades que supoñen as novas t
O Congreso Bibliotecas Escolares afonda nas oportunidades que supoñen as novas tecnoloxías para estes espazos

Máis de 500 expertos de diferentes Comunidades Autónomas afondan hoxe nas oportunidades que as novas tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) supoñen para o fomento da lectura e a competencia informacional na segunda xornada do congreso Bibliotecas en Tránsito 2011, que se está a celebrar en Santiago de Compostela.

Desta forma os asistentes continúan a reflexionar sobre as experiencias de interese relacionadas coa lectura e o acceso á información no contexto educativo que se están a levar a cabo en centros educativos, en clave de innovación educativa e consecución de resultados de éxito. O encontro contribúe ademais ao intercambio de experiencias e boas prácticas entre as diferentes Comunidades Autónomas, propiciando ademais a apertura de vías de cooperación neste eido.

Internet e web 2.0

A xornada de hoxe comezou coa conferencia de Javier Celaya – do portal cultural Dosdoce.com- ‘Lectura compartida: Tendencias emergentes e implicaciones para es ámbito de las bibliotecas escolares’, arredor da experiencia da lectura compartida na internet. O programa continuou con dúas mesas de debate simultáneas nas que se abordaron, por unha banda, os cambios que supuxo para a lectura o desenvolvemento da internet; por outra as achegas da web 2.0 e as tendencias derivadas dos novos soportes  para a lectura., tales como a lectura social e colaborativa.

Durante a tarde os representantes de centros educativos de Galicia, Cataluña, Melilla e Murcia expuxeron experiencias e boas prácticas de integración da cultura impresa e a cultura dixital para o fomento da lectura nas diferentes Comunidades Autónomas.

A segunda xornada pecharase coa conferencia de escritor e editor Víctor Freixanes, arredor do papel das bibliotecas escolares na construción da sociedade lectora.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria organiza, conxuntamento co Ministerio do ramo, este encontro no marco do Plan LÍA 2010/2015 de bibliotecas escolares (Lectura, Información, Aprendizaxe), que agrupa todas as iniciativas da consellería en materia de bibliotecas escolares e fomento da lectura como medio de potenciar o éxito escolar. Pódese consultar máis información sobre o congreso no enderezo web http://www.bibliotecasescolaresentransito.com .