O Congreso Bibliotecas Escolares afonda nas oportunidades que supoñen as novas tecnoloxías para estes espazos [1]
O encontro reúne en Santiago de Compostela a máis de 500 expertos
As potencialidades da web 2.0 e da cultura dixital centran os debates da súa segunda xornada

Máis de 500 expertos de diferentes Comunidades Autónomas afondan hoxe nas oportunidades que as novas tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) supoñen para o fomento da lectura e a competencia informacional na segunda xornada do congreso Bibliotecas en Tránsito 2011, que se está a celebrar en Santiago de Compostela.
Desta forma os asistentes continúan a reflexionar sobre as experiencias de interese relacionadas coa lectura e o acceso á información no contexto educativo que se están a levar a cabo en centros educativos, en clave de innovación educativa e consecución de resultados de éxito. O encontro contribúe ademais ao intercambio de experiencias e boas prácticas entre as diferentes Comunidades Autónomas, propiciando ademais a apertura de vías de cooperación neste eido.
Internet e web 2.0
A xornada de hoxe comezou coa conferencia de Javier Celaya – do portal cultural Dosdoce.com- ‘Lectura compartida: Tendencias emergentes e implicaciones para es ámbito de las bibliotecas escolares’, arredor da experiencia da lectura compartida na internet. O programa continuou con dúas mesas de debate simultáneas nas que se abordaron, por unha banda, os cambios que supuxo para a lectura o desenvolvemento da internet; por outra as achegas da web 2.0 e as tendencias derivadas dos novos soportes para a lectura., tales como a lectura social e colaborativa.
Durante a tarde os representantes de centros educativos de Galicia, Cataluña, Melilla e Murcia expuxeron experiencias e boas prácticas de integración da cultura impresa e a cultura dixital para o fomento da lectura nas diferentes Comunidades Autónomas.
A segunda xornada pecharase coa conferencia de escritor e editor Víctor Freixanes, arredor do papel das bibliotecas escolares na construción da sociedade lectora.
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria organiza, conxuntamento co Ministerio do ramo, este encontro no marco do Plan LÍA 2010/2015 de bibliotecas escolares (Lectura, Información, Aprendizaxe), que agrupa todas as iniciativas da consellería en materia de bibliotecas escolares e fomento da lectura como medio de potenciar o éxito escolar. Pódese consultar máis información sobre o congreso no enderezo web http://www.bibliotecasescolaresentransito.com [2] .