A Consellería de Educación impulsa o seminario de contacto Grundtvig e Voluntariado en Santiago de Compostela

O encontro, no que participan profesionais de vinte países europeos, foi inaugurado polo director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, e durará ata o sábado 12 de novembro

Xov, 10/11/2011 - 14:17
José Luis Mira no seminario de contacto 'Grundtvig e Voluntariado'
José Luis Mira no seminario de contacto 'Grundtvig e Voluntariado'

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de inaugurar o seminario de contacto Grundtvig e Voluntariado que se celebra ata o sábado 12 de novembro en Santiago de Compostela.

O encontro, no que participan 75 expertos procedentes de vinte países europeos foi inaugurado polo director xeral de Educación, José Luis Mira, que lles deu a benvida agradecendo a súa presenza e sinalando que “todos representades aos estudantes adultos e estades dispostos a participar en proxectos relativos e este campo”, ao tempo que resaltou o compromiso dos participantes de cara ao aprendizaxe a e adquisición de coñecementos que resultan especialmente necesarios para formar as novas xeracións, e máis nestes tempos de grave crise económica.

Así o director xeral resaltou que “a educación é unha oportunidade para a vida, independentemente da idade ou situación do estudante, e niso consiste o programa Grundtvig, no que se asume que moita xente precisa un cambio e mellorar as súas cualificacións e educación o que significa unha nova oportunidade educativa para moita xente”.

Seminario temático

Cómpre recordar que o seminario temático Volunteering ten por obxecto reunir a participantes de toda Europa para que contacten con outros socios e poñan en marcha os proxectos do Programa de Aprendizaxe Permanente (PAP) relativos ás asociacións Grundtvg e os proxectos de Voluntariado para Persoas Maiores.

O encontro destes días, no que a Consellería participa activamente, está organizado polo Organismo Autónomo de Programas Europeos (OAPEE), en colaboración coa Unidade de Programas Europeos e co resto de Axencias Nacionais Europeas. O seminario contará coa participación do profesor do IES Campo de San Alberto, Jesús Montero que presentará o proxecto como modelo de colaboración e boas prácticas do programa Grundtvig. Asemade tamén intervén a dirección xeral de Xuventude e Voluntariado co relatorio “O voluntariado: unha forma de cidadanía europea”.

Programa europeo

O proxecto enmárcase na programa europeo Grundtvig, e conforma unha asociación de aprendizaxe na que o profesorado e o alumnado traballan conxuntamente arredor dun tema, intercambiando experiencias, prácticas e métodos, o que contribúe a un maior coñecemento da variada cultura europea, do seu ámbito social e económico e a entender mellor as áreas de interese común.