A Xunta convoca os premios ao esforzo e á superación persoal para o alumnado de secundaria

A través destes galardóns anuais, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade recoñece a capacidade de superación de dificultades do alumnado que cursa 4º de ESO

Dom, 04/07/2021 - 11:42

A Xunta de Galicia vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a convocatoria dos premios de Educación Secundaria Obrigatoria ao esforzo e á superación persoal correspondentes ao curso 2020/21, cos que se recoñece o traballo daquel alumnado que cursou 4º de ESO durante o curso académico que acaba de rematar e conseguiron superar as súas dificultades de tipo persoal, educativas ou do contorno familiar ou sociocultural, no marco dun ensino comprensivo e integrado.

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade destina un total de 16.000 euros para estes premios a razón de 800 euros (50 máis que na última convocatoria) por cada un dos 20 galardóns que se conceden; e os interesados dispoñen de prazo ata o 23 de setembro para tramitar as solicitudes, preferiblemente a través da aplicación informática PremiosEdu.

Cómpre subliñar que o obxectivo final destes galardóns é que os premiados sexan un exemplo para compañeiros e compañeiras en situacións similares, poñendo en valor o especial esforzo que supón acadar o éxito na escola para os estudantes que proceden de contornos socioculturais desfavorecidos, de contornos familiares disfuncionais, en proceso de superación de enfermidades crónicas ou con discapacidades que condicionan o seu rendemento escolar, a súa relación persoal ou a súa inserción social.