Román Rodríguez destaca o impulso definitivo á dixitalización do ensino galego que supuxo a pandemia

O titular do departamento educativo da Xunta sinala que os cambios derivados destes dous últimos cursos se van consolidar no futuro máis inmediato

Destaca a ampliación do E-Dixgal a 3º e 4º de ESO o vindeiro ano, que permite por primeira vez estudar seis cursos consecutivos con libro electrónico

Ademais dos dispositivos deste programa, a Xunta atendeu todas as necesidades das familias que o necesitaron a través da cesión de ordenadores e kits de conexión

O conselleiro salienta un investimento de máis de 1,4M€ nas instalacións educativas do concello de Muros

Lun, 21/06/2021 - 19:21
r

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, visitaron hoxe o instituto IES As Insuas, na localidade coruñesa de Muros, un dos beneficiados do programa Educa en dixital, dotado con case 14.500 ordenadores portátiles cofinanciados por Xunta e Red.es para o alumnado que máis o precisa.

Durante o acto, o representante da Xunta de Galicia destacou o impulso definitivo á dixitalización do ensino galego que supuxo a pandemia, coa incorporación de cambios nestes dous últimos cursos que veñen para quedarse e consolidarse no futuro máis inmediato do ensino.

Neste sentido, explicou que o Goberno galego xa iniciou a ampliación do proxecto de libro dixital E-Dixgal aos cursos de 3º e 4º de ESO o vindeiro ano. Desta forma, por primeira vez será posible estudar con libro electrónico en Galicia durante seis cursos consecutivos.

Esta medida enmárcase na Estratexia de Educación Dixital para a próxima década que está a preparar o Goberno galego, coa que se vai dar pulo á dixitalización e a dotación tecnolóxica do ensino, integrando equipamentos, contidos e adquisición de competencias STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) e incorporando a Intelixencia Artificial para todos os niveis educativos, entre outras accións.

Atención a todas as necesidades

Román Rodríguez destacou que, malia que o curso se desenvolveu en Galicia nun réxime de presencialidade total –agás casos moi puntuais en FP– a Xunta estivo desde o primeiro día a disposición das familias para dotalas do equipamento informático que precisaron. Así, ademais dos 34.000 ordenadores ultraportátiles que empregou o alumnado este curso ao abeiro do E-Dixgal, o Goberno galego atendeu todas as necesidades que foron xurdindo ao longo do curso escolar, o que se traduciu na cesión de máis de 500 equipos e 600 kits de conexión para as familias que así o solicitaron.

No eido dixital a Xunta ten tamén en marcha o Plan de Infraestruturas Dixitais na Educación (EDU100). Este plan, coordinado pola Amtega, está sendo obxecto de distintos investimentos a través do Consello da Xunta nos últimos meses. En concreto, autorizouse a adquisición de 45.000 ultraportátiles e equipos para 2.000 aulas, así como a adquisición de 55.000 equipos fixos e portátiles destinados aos docentes. Tamén se deu o visto e prace á compra de 5.000 paneis interactivos para aulas de centros educativos, que cumprirán co obxectivo de que o 100% das aulas de centros públicos dependentes da Consellería de Educación de 1º de Primaria a 2º de Bacharelato sexan dixitais.

O Plan EDU100 ten un investimento total previsto de 134,6 millóns de euros co obxectivo, entre outros, de que o 100% do alumnado de entre 1º de Primaria e 2º de Bacharelato amplíen o súa capacidade de conexión ata 1 Gbps, e dispoñan de wifi en todos os espazos docentes e os equipamentos necesarios para o modelo educativo dixital do Proxecto Abalar.

Reparto áxil

Respecto dos ordenadores cofinanciados pola Xunta e o Red.es, o conselleiro puxo en valor a celeridade coa que o Goberno galego realizou o reparto, gradual desde que se comezaron a recibir os dispositivos –que o Goberno central enviou en varias quendas– a partir do mes de abril.

En total foron 965 os centros beneficiarios deste reparto, 371 da provincia da Coruña, 141 da de Lugo, 124 da de Ourense e 329 da de Pontevedra. A distribución de equipos realizouse en función das necesidades detectadas polas direccións dos centros e comunicadas á Consellería de Educación.

Máis de 1,4M€ de investimento

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia explicou tamén que o Goberno galego vén de iniciar as obras de rehabilitación integral do colexio CEIP Ramón de Artaza y Malvárez, en Muros, cun investimento previsto de máis de case 900.000€. Entre outras actuacións, esta obra contempla a mellora do illamento exterior do centro, a renovación de fiestras, luminarias e falsos teitos e a instalación de novas cubertas.

Tal e como explicou o conselleiro, esta actuación eleva a máis de 1,4M€ o investimento da Xunta de Galicia en melloras das infraestruturas educativas do concello de Muros nos últimos anos.