A Xunta abre o prazo para presentarse aos premios extraordinarios de ensinanzas artísticas profesionais

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade establece un total de seis galardóns, a razón de tres para a modalidade de Música, dous na modalidade de Artes plásticas e Deseño e un na modalidade de Danza
Os galardoados recibirán un premio de 1.000€, un 18% máis que na última convocatoria
Xov, 10/06/2021 - 11:50

A Xunta de Galicia vén de abrir o prazo para presentarse aos premios extraordinarios nas ensinanzas artísticas profesionais nas modalidades de Música, de Danza e de Artes plásticas e Deseño. Tal como recolle o Diario Oficial de Galicia, o prazo de presentación de solicitudes para optar a estes galardóns rematará o día 7 de xullo.
O obxectivo destes premios, convocados pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade, é recoñecer e valorar publicamente os méritos académicos e artísticos excepcionais baseados no esforzo e no traballo de seis alumnas e alumnos que remataron os seus estudos no curso 2020/21 cun excelente resultado académico. Para tal fin habilítanse tres premios na modalidade de Música, dous na modalidade de Artes plásticas e Deseño e un na modalidade de Danza.

As persoas que resulten galardoadas obterán unha dotación económica de 1.000 euros (un 18% máis que na edición anterior) e un diploma acreditativo de recoñecemento que constará nas súas certificacións académicas, ademais da posibilidade de concorrer ao correspondente premio nacional.

Requisitos

Entre outros requisitos que se poden consultar no DOG, para optar a estes premios as persoas aspirantes deben contar cunha nota media igual ou superior a 8,75 nos dous últimos cursos das ensinanzas profesionais, nas modalidades de Música e Danza, ou no ciclo formativo de grao superior de Artes Plásticas e Deseño cursado.

Ademais, na modalidade de Música terán que presentar unha copia dunha gravación de vídeo na cal interpretasen tres pezas de diferentes estilos, dunha dificultade non inferior ao nivel de sexto curso de ensinanzas profesionais de Música.

No caso dos estudantes de Danza, teñen que presentar unha copia dunha gravación de vídeo na que interpreten dúas pezas de diferentes estilos, dunha dificultade non inferior ao nivel de sexto curso das ensinanzas profesionais de Danza. Pola súa banda, as persoas aspirantes na modalidade de Artes plásticas e Deseño deben presentar a memoria e documentación gráfica do proxecto integrado ou proxecto final do ciclo formativo de grao superior polo cal concorren.