742 docentes de 39 centros educativos participarán este curso nos plans de autoavaliación e mellora da calidade impulsados pola Consellería de Educación

O importe destas axudas ascende a 125.000 euros
Mar, 01/11/2011 - 10:25

Un total de 742 docentes de 39 centros de ensino de Galicia participarán este curso 2011/2012 nos plans de autoavaliación e mellora da calidade impulsados pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, unhas axudas cuxo importe ascende a 125.000 euros.

O obxectivo desta iniciativa convocada pola Consellería é fomentar prácticas de avaliación interna, identificar puntos fortes e débiles do centro e pór en marcha medidas conducentes á súa optimización. A resolución definitiva de centros e profesorado participantes será publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) nos vindeiros días. Dos centros participantes, 17 pertencen á provincia da Coruña, 6 á de Lugo, 5 á de Ourense e 11 á de Pontevedra. O listado pódese consultar no enlace web /portal/plansdeautoavaliacion.

Con esta convocatoria o departamento educativo da Xunta de Galicia reafirma a súa aposta pola cultura da autoavaliación e o establecemento de proxectos propios xestionados de maneira autónoma por cada centro como medio de traballo para a mellora da calidade educativa.

Proceso

Para pór en marcha estes plans os centros identifican primeiro, a través dunha avaliación interna, as áreas de traballo relativas ao desenvolvemento das competencias básicas do alumnado, nomeadamente as competencias en comunicación lingüística, matemática, social e cidadá, cultura e artística, en autonomía e iniciativa persoal, aprender a aprender, no coñecemento e a interacción co mundo físico, e no tratamento da información e competencia dixital.

Tras esta análise cada centro proporá a posta en marcha dun plan de mellora das devanditas competencias contextualizado á realidade observada, que será coordinado por un profesor encargado de dinamizar e impulsar estas accións, servir de interlocutor coa administración educativa e redactar a memoria final do proxecto.

A Consellería de Educación contribúe ao desenvolvemento dos plans con achegas de ata 4.000 euros para cada centro, que conta ademais co asesoramento dos centros de formación e recursos e da inspección educativa.

Cada colexio e instituto recibe un certificado de ter participado no proxecto. Ademais, a efectos de recoñecemento, os plans de autoavaliación considéranse programas de innovación educativa.

Éxito da convocatoria

A convocatoria destes plans é moi ben acollida entre os centros educativos de Galicia, e reuniu un total de 42 solicitudes. Cómpre ademais resaltar que os centros que participaron o ano pasado acadaron un alto grao de satisfacción tras esta experiencia. De feito un dato que o corrobora é que arredor dun 70% dos centros participantes solicitan permanecer nesta iniciativa para o curso seguinte.