A Consellería de Educación concede os Premios Extraordinarios de Bacharelato 2010/2011 a vinte estudantes galegos

Desta forma recoñécese o esforzo desenvolvido por estas alumnas e alumnos nos seus estudos

Os galardoados poderán optar aos Premios Nacionais

Mér, 26/10/2011 - 16:50

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de conceder a 20 alumnas e alumnos galegos os Premios Extraordinarios de Bacharelato, cos que se recoñece o esforzo e dedicación do alumnado que cursou, cun excelente aproveitamento, algunha das modalidades de bacharelato no sistema educativo galego.

Os galardoados percibirán unha gratificación de 1.000 euros como premio económico ao seu traballo, unha das contías máis altas outorgadas polas comunidades autónomas, e estarán exentos do pagamento dos prezos públicos polos servizos académicos no primeiro curso dos estudos superiores nun centro público. Esta distinción, que figurará no seu expediente académico, permítelles tamén concorrer aos premios nacionais de bacharelato. Ademais, os vinte alumnos recibirán un diploma acreditativo nun acto de recoñecemento público.

Entre os premiados hai 4 estudantes da provincia da Coruña, 2 de Lugo, 2 de Ourense e 12 de Pontevedra. Todos eles obtiveron no curso pasado unha media superior a 8,75 puntos, na que se computa as cualificacións obtidas nas materias comúns, propias de modalidade e optativas dos dous cursos de bacharelato.

Os estudantes superaron tamén probas específicas, celebradas no mes de setembro, para obter o premio, nas que tiveron que realizar unha análise e comentario crítico dun texto de carácter xenérico, histórico, filosófico ou literario, así como responder a preguntas xerais realizadas sobre un texto na lingua estranxeira que tiveran cursado como materia común no bacharelato. A última proba consistía no desenvolvemento de temas, respostas a cuestións e exercicios prácticos dunha materia propia da modalidade á escolla do estudante. Os gañadores foron aqueles que obtiveron a máxima puntuación entre as dúas probas.

Estudantes premiados

Os premiados son, pola provincia da Coruña, David Lamas Francis, do IES de Ames; Carmen Antía Rodríguez Fernández, do colexio Manuel Peleteiro (Santiago de Compostela); Ana Vázquez Fernández, do IES A Pontepedriña (Santiago de Compostela) e Alejandro Antonio Roura Blanco, do IES Plurilingüe Eusebio da Guarda (A Coruña). Na provincia de Lugo foron premiados Alejandro Vilar López e Borja Traseira Santín, ambos os dous alumnos do IES Lucus Augusti; mentres que en Ourense resultaron galardoadas Alba Cid Blanco e Sabela Varela Fernández, tamén estudantes as dúas do IES As Lagoas.

Dos alumnos presentados pola provincia de Pontevedra recoñeceuse o traballo de Nerea Gándara Guerra e Sandra Correa González, ambas do IES Santa Irene (Vigo); Marta Rodríguez Castro e Cristian Carbajales Neira, do IES Manuel García Barros (A Estrada); María González Flores, do IES A Sangriña (A Guarda); Carmen Zalvide Rodríguez, do IES Álvaro Cunqueiro (Vigo); Ángel García Gómez, do IES Gonzalo Torrente Ballester (Pontevedra); Santiago Cernadas Amoedo, do IES Val do Tea (Ponteareas); María Isabel Gómez Alonso, do IES do Castro (Vigo); Cándido Otero Moreira, do IES Illa de Tambo (Marín); María Tovar Amado, do colexio SEK-Atlántico (Poio) e Hadrián Montes Campos, do IES Sánchez Cantón (Pontevedra).