O CDG e a Escola Superior de Arte Dramática únense para reforzar a formación dos novos profesionais da escena

Nace CDGLab, un espazo de encontro entre a formación e a profesión para o alumnado de artes escénicas

Arranca con varias sesións en liña sobre montaxe e promoción de espectáculos

Mar, 27/04/2021 - 11:42
t

O Centro Dramático Galego (CDG), unidade de produción teatral da Xunta, e a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD), situada en Vigo, únense na creación dun espazo de encontro entre a formación e a profesión, coa posta en marcha de CDGLab. O obxectivo é facilitarlles aos futuros profesionais da escena a adquisición de competencias máis aló das impartidas no ámbito académico, a prol da súa incorporación ao mercado laboral.
A iniciativa, segundo perfilaron nunha reunión entre o director do CDG, Fran Núñez, e a vicedirectora da ESAD, Cristina Domínguez, comeza a desenvolverse o xoves 29 de abril, cunha primeira fase de encontros en liña do alumnado con persoal técnico do Salón Teatro e da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) en diferentes áreas relacionadas coa montaxe e promoción dos espectáculos. Así, a primeira das sesións xirará ao redor da planificación, xestión e comunicación. O segundo encontro, o 13 de maio, tratará sobre a produción, o acompañamento técnico e a construción, e o terceiro e último encontro, previsto para o 27 de maio, sobre a creación artística.
Unha vez rematado o curso, porase en marcha a segunda fase, centrada no acompañamento por parte do CDG de proxectos promovidos polas persoas que se gradúan na ESAD, como poden ser os Traballos de Fin de Grao. Trátase así de apoiar a transición destes proxectos ao mundo laboral, mediante o asesoramento con titorías e encontros con profesionais do sector.
CDGLab poderase completar cunha terceira fase, cando a situación sanitaria o permita, para realizar prácticas extracurriculares coa participación do alumnado nos procesos de creación e residencias que se desenvolvan no Salón Teatro.
Con esta nova iniciativa, o CDG quere converterse nun punto de referencia para facilitar o tránsito do alumnado egresado de Arte Dramática ao mercado de traballo, achegándolle diferentes mecanismos de integración na profesión. CDGLab enmárcase, ademais, no obxectivo de potenciar o coñecemento da realidade escénica tanto entre os colectivos vinculados ao sector como no conxunto da sociedade.