Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

Resolución da convocatoria do concurso para a elaboración da exposición sobre Xela Arias, a autora homenaxeada o Día das Letras Galegas 2021

Lun, 12/04/2021 - 15:03
A Secretaría Xeral de Política Lingüística convocou un concurso entre os centros de ensino non universitario de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Universidade para elaborar unha exposición sobre a obra, a época e a lingua de Xela Arias, a autora homenaxeada no Día das Letras Galegas 2021, e/ou sobre a situación sociolingüística da etapa histórica en que esta viviu.
 
Logo de finalizar o prazo de presentación de orixinais e de se reunir a Comisión de Selección, publícase a resolución cos centros gañadores.
 
A exposición gañadora na categoría A, destinada aos centros de educación infantil e primaria, é Xela Arias e as palabras, elaborada polo CEIP Plurilingüe de Porto Cabeiro, Redondela (Pontevedra); trátase dunha serie de carteis que salientan pola súa orixinalidade e creatividade, a beleza estética e a diversidade das técnicas empregadas na procura de difundir a vida e a obra de Xela Arias entre o público máis novo.
 
Na categoría B, correspondente ao resto dos centros e niveis educativos do ensino non universitario, a mostra gañadora foi Abecedáriome, do IES Plurilingüe de Ames, Ames (A Coruña): unha exposición que consegue plasmar a vida, a obra e a época de Xela Arias a través dun harmonioso conxunto de carteis que destacan pola súa modernidade e pola acertada selección da información, amais da súa unidade, perfección técnica e calidade lingüística.
Cada unha das exposicións vén acompañada da correspondente guía didáctica, que nos permite realizar un percorrido polos momentos máis significativos da biografía e pola obra e a época da autora a quen lle renderemos homenaxe o Día das Letras Galegas.
Os dous centros educativos gañadores recibirán cadanseu premio en metálico de 2.000 €, mentres que o profesorado implicado no deseño e posta en marcha das exposicións seleccionadas obterá unha certificación de premio de innovación educativa equivalente a 20 horas de formación (30 no caso do coordinador ou coordinadora do proxecto). Ademais, as dúas coleccións de 10 carteis que integran cada unha das mostras e as súas guías didácticas estarán accesibles desde o Portal da Lingua Galega, para a súa descarga libre e gratuíta, a canda outros materiais especialmente elaborados polos equipos de dinamización da lingua galega.