Román Rodríguez salienta que o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica supón un cambio de concepto nos centros escolares ao servizo dos retos educativos do futuro

Tras a súa aprobación por parte do Consello da Xunta, avanzou que se abrirá agora unha rolda de contactos para enriquecer e consensuar o Plan, que será a folla de ruta para os novos colexios e institutos na etapa poscovid

Contempla un investimento de 191 millóns de euros para esta lexislatura

Sáb, 20/03/2021 - 10:57

O Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica vai supoñer un “cambio radical de concepto” en canto ao deseño e intervención nos centros escolares, que a partir de agora van estar “pensados e configurados para afrontar os retos educativos do futuro que, ademais das necesidades académicas, inclúen tamén as sanitarias e as tecnolóxicas”.

Así o asegurou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, nunha visita ao CEIP Xoaquín Loriga de Lalín, un centro no que precisamente a Xunta de Galicia vai acometer unha rehabilitación integral que se vai cinguir ás premisas marcadas neste Plan”.

Logo de ser aprobado polo Consello da Xunta, vaise abrir unha rolda de contactos para enriquecer o documento final de xeito que se converta na folla de ruta para o deseño dos novos colexios e institutos na etapa poscovid, onde a arquitectura teña unha orientación educativa.

Román Rodríguez explicou que este Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica é froito “dunha profunda e necesaria reflexión neste contexto de pandemia que nos tocou vivir” e que puxo de manifesto “a importancia do colexio non só como un lugar para adquisición de coñecementos, senón tamén como lugar de encontro e de interacción social, onde os nenos pasan a meirande parte do seu tempo”.

Novo modelo de escolas

O plan, que supón unha inxección económica de 191 millóns de euros para esta lexislatura, “será a guía para a definición e o deseño dos novos espazos educativos de xeito que dean resposta ás necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas do futuro”, abondou o conselleiro.

Así pois, reforzarase un novo modelo de centros escolares na etapa poscovid, con espazos abertos á interacción social, máis flexibles e versátiles, preparados para avanzar na transformación dixital, máis confortables, máis saudables e máis sostibles desde o punto de vista ambiental.

O plan pivota nunha parte académica (con espazos ao servizo dos proxectos educativos, sobre todo vinculados á transformación dixital, e xeradores de inclusión), nunha parte infraestrutural (con espazos máis amplos, saudables e unha maior integración coa contorna) e nunha parte de sustentabilidade acorde coas novas esixencias de eficiencia enerxética e respecto medioambiental. Nesta liña, todas as reformas de espazos e os novos centros educativos que se leven a cabo de aquí ao ano 2024 -e cuxas actuacións específicas se irán concretando proximamente- van seguir unhas pautas específicas definidas e obxectivas acordes cos retos marcados neste manual.